Lorenzana visita dous proxectos da Fundación Paideia e pon en valor o seu compromiso co emprendemento e a inserción laboral das persoas con máis dificultades
Lorenzana visita dous proxectos da Fundación Paideia e pon en valor o seu compromiso co emprendemento e a inserción laboral das persoas con máis dificultades
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade coñeceu o centro de iniciativas empresariais Mans que ten esta entidade no polígono de Pocomaco da Coruña e o Centro Especial de Emprego Trébore de Mera (Oleiros)
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou dous dos proxectos nos que a Fundación Paideia Galiza traballa polo emprendemento e o emprego inclusivo: o centro de iniciativas empresariais Mans no polígono coruñés de Pocomaco e o Centro Especial de Emprego Trébore Xardanaría en Mera (Oleiros).
Lorenzana coñeceu de primeira man, acompañada pola presidenta da Fundación Paideia Galiza, Sandra Ortega, o Centro de Iniciativas Empresariais Mans, que ofrece a potenciais emprendedoras e emprendedores os espazos e servizos necesarios para desenvolver as súas iniciativas. O recinto consta de máis de 6.000 metros cadrados de oficinas, espazos coworking, sala de lecer… Tal e como puxo en valor Lorenzana, o recinto conta cunha elevada ocupación todo o ano e apoia ás persoas usuarias con sesións de desenvolvemento profesional, xornadas de networking, conferencias sobre industrias culturais e actividades de desenvolvemento persoal como pilates, mindfullness…
A segunda das visitas realizouse ás dependencias do Centro Especial de Emprego Trébore que a entidade ten en Mera, no Concello de Oleiros. Esta entidade de economía social desenvolve a súa actividade produtiva e formativa no campo do deseño gráfico e regalo de empresa e no mantemento de instalacións de xardinería e viveirismo, xerando emprego para persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, como paso previo á súa inserción en empresas ordinarias.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade foi testemuña de dúas das liñas de traballo da Fundación -discapacidade e emprego e emprendemento- que xunto co desenvolvemento territorial e a formación e a divulgación centran a meirande parte das súas actividades.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade leva anos colaborando con esta entidade, que recibiu desde 2009 máis de 2,1 millóns de euros de investimento no marco dos programas para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio en entidades sen ánimo de lucro, programas integrados de emprego e formación para persoas desempregadas. A Administración autonómica destinou ademais neste período outros 1,5 millóns de euros para apoiar o funcionamento e mantemento de postos no Centro Especial de Emprego Trébore.
Ao igual que Paideia, a Xunta avoga pola formación e emprego a persoas con menos oportunidades de acceso ao mercado de traballo, baixo o compromiso da igualdade e a sustentabilidade, traballando en rede cos axentes sociais, públicos e privados.