Máis de 7.000 persoas camiñan cara ao respecto na X Andaina Contra a Violencia de Xénero convocada pola Consellería da Igualdade

Máis de 7.000 persoas camiñan cara ao respecto na X Andaina Contra a Violencia de Xénero convocada pola Consellería da Igualdade

As conselleiras de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana xunto coas titulares de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana e completaron a ruta entre o Monte do Gozo e a praza do Obradoiro

Lorenzana fixo un chamamento ao remate para que todas as accións políticas e lexislativas contra esta lacra amosen solidez, consenso e unidade

A Xunta anima á cidadanía seguir a celebrar as súas andainas ata o 27 de novembro e a compartir a súa experiencia en redes co hashtag #camiñoaorespecto, por mail contacto@caminoaorespecto.gal ou por teléfono no 669 96 22 49

Galicia referendou un ano máis o seu “non” rotundo contra a violencia de xénero, amosando o seu rexeitamento público ante esta lacra e o seu avance cara a unha cultura do respecto á igualdade. Máis de 7.000 persoas sumáronse hoxe á décima edición da andaina contra a violencia de xénero que organiza a Xunta con motivo do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero. A conselleira da Igualdade, María Jesús Lorenzana, completou o percorrido entre o Monte do Gozo e a praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, acompañada de milleiros de cidadáns e cidadás e representantes da sociedade galega, para amosar o seu rexeitamento ante esta lacra. No evento participaron outras integrantes do Goberno galego como a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a de Infraestructuras e Mobilidade, Ethel Vázquez, ou a conselleira do Mar, Rosa Quintana.

“Somos uns centos aquí e moitas máis persoas, máis de sete mil, as que tamén dun xeito virtual, desde as súas redes sociais ou desde outros puntos da xeografía galega dedicaron esta mañá a deixar patente o seu compromiso pola igualdade e pola eliminación da violencia contra as mulleres”, manifestou Lorenzana á súa chegada ao Obradoiro.

A conselleira amosou a súa satisfacción polo “reto simbólico” cumprido, aínda que destacou que “todos os camiñantes saben que o importante empeza a partir de agora e continúa os próximos 364 días”.

A titular da Igualdade, fixo un chamamento para “redobrar esforzos para amosar solidez fronte a lacra en todos os discursos, en todas as accións políticas e tamén na fronte lexislativa, que xunto á concienciación é un dos piares esenciais dunha loita que esixe consensos, unidade e unha mirada de longo percorrido sen excluír a ninguén”.

O Goberno galego convida á cidadanía a seguir uníndose á andaina, na súa modalidade virtual, ata o próximo día 27 de novembro, compartindo as súas imaxes camiñando polos seus concellos ou nas redes sociais, acompañadas do hashtag; #camiñoaorespecto. Tamén poden achegalas a través do correo electrónico contacto@caminoaorespecto.gal ou a do número de teléfono 669 96 22 49.