Mañá abre o prazo de solicitude para optar ás axudas de entre 3.000 e 31.000 euros para apoiar o emprendemento en Galicia
Mañá abre o prazo de solicitude para optar ás axudas de entre 3.000 e 31.000 euros para apoiar o emprendemento en Galicia
Poden optar a estes apoios pemes, autónomos, mutualistas e entidades da economía social que inicien a súa actividade ou o teñan feito a partires do 1 de xaneiro de 2022.
A Xunta subvenciona investimentos relacionados coa adquisición de equipamento informático, mobiliario, en eficiencia enerxética, entre outros.
Como novidade este ano dáse cobertura tamén aos gastos notariais e de rexistro relacionados coa actividade desenvolvida.
O prazo de solicitude manterase aberto ata o 28 de xuño.
A partir de mañá abre o prazo para que autónomos, mutualistas, pemes e entidades de economía social poidan optar ás axudas ao emprendemento publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 5 de febreiro e dotadas cun orzamento de 6,5 millóns de euros.
Con esta liña, a Administración autonómica busca impulsar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e á mellora da súa competitividade.
Poden optar a estes apoios ata o 28 de xuño de 2024 os seguintes colectivos que se constitúan ou estean dados de alta e iniciaran a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2022: persoas traballadoras autónomas, mutualistas, pequenas e medianas empresas, sociedades cooperativas e laborais, así como as empresas de inserción e os centros especiais de emprego.
As achegas ás que poden acceder van dos 3.000 € aos 30.900 € (en función da magnitude do investimento realizado) para dar cobertura, entre outros, a gastos vencellados co proxecto empresarial en materia de equipamento informático, eficiencia enerxética, equipamento e mobiliario, ou na reforma das instalacións.
Como novidade nesta convocatoria fináncianse os gastos notariais e/ou rexistrais directamente relacionados coa actividade subvencionada que sexan indispensables para a súa axeitada preparación ou execución, cun máximo de 300 € por persoa beneficiaria. Tamén os gastos de aluguer correspondentes ao local ou centro de traballo no que se realice a actividade subvencionada cun máximo de 600 € por persoa beneficiaria.
A través desta iniciativa a Xunta de Galicia continúa a apoiar con fondos propios as iniciativas de emprendemento de autónomos/as e pequenas e medianas empresas, para fortalecer a súa actividade ante os retos derivados do actual contexto económico e avanzar no seu desenvolvemento sustentable e no mantemento dun emprego de calidade.