O DOG publica a ampliación en 15 M€ do programa de formación para desempregados que permitirá cualificar máis de 21.500 persoas en 1.430 cursos

O DOG publica a ampliación en 15 M€ do programa de formación para desempregados que permitirá cualificar máis de 21.500 persoas en 1.430 cursos

O Goberno galego incrementa as accións de formación para desempregados (AFD) da convocatoria 2022-23 nun 45,7% con respecto a 2021-22, polo que o orzamento final superará os 64,5 millóns de euros

A media de inserción laboral das alumnas e alumnos que participaron nos cursos nas últimas convocatorias foi do 60%
 

Refórzanse as actuacións en competencias clave e naquelas especialidades con maior demanda ou maiores perspectivas de emprego
 

Promoción do Emprego e Igualdade continúa a potenciar a formación para o emprego nos orzamentos de 2023 que inclúen 104 millóns para seguir mellorando a capacitación das persoas ocupadas e sen emprego e para implicar ás empresas no proceso formativo
 

A Axenda Galega de Capacidades para o Emprego busca dar resposta ás necesidades formativas das galegas e galegos e á demanda do traballo que precisa o tecido produtivo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, tras a autorización do Consello da Xunta da semana pasada, unha ampliación de crédito en 15 millóns de euros para as accións formativas para desempregados (AFD) na súa edición 2022-2023, polo que esta iniciativa contará en global con máis de 64,5 millóns de euros (un incremento do 45,7% con respecto a 2021-22) para a realización de preto de 1.430 cursos nos que preto de 21.700 persoas sen emprego poderán mellorar a súa cualificación.

Poden acceder a estas accións as persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulamento temporal de emprego (ERTE), suspensións dos contratos de traballo ou por reducións de xornadas por causas económicas técnicas, organizativas ou de produción ou derivadas de forza maior; e, aínda que os cursos van dirixidos principalmente a persoas desempregadas, admítese tamén a participación de ata un 30% das persoas traballadoras ocupadas, sempre e cando esta porcentaxe non se cubra con traballadores desempregados. Poden tomar parte tamén as persoas demandantes de servizos previos ao emprego.

As alumnas e alumnos que desexen participar nestas accións poden facelo a través das oficinas de emprego, mediante solicitude ás propias entidades de formación beneficiarias da axuda autonómica e/ou directamente por medio da web https://emprego.xunta.gal.

A Administración autonómica avoga pola formación para desempregados, unhas accións que contaron nas últimas convocatorias cunha media de inserción do 60%, é dicir, que seis de cada dez persoas que toman parte nestas actuacións acceden ao mercado laboral.

Nesta convocatoria das accións formativas para persoas desempregadas (AFD) continúase a dar un pulo á teleformación e á aula virtual como modalidades de cualificación e estanse a reforzar os cursos destinados á obtención de competencias clave ou especialidades formativas conducentes á obtención de certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado e acordes coas necesidades que demanda o tecido produtivo.

En concreto, resérvase un 10% do orzamento para o financiamento de cursos en competencias clave e un 40% para aquelas especialidades formativas con maior demanda ou con maiores perspectivas de emprego, seguindo a liña da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego. Esta estratexia autonómica busca mellorar tanto a cualificación profesional das galegas e galegos e a competitividade das empresas. Do que se trata é de dar resposta ás necesidades daquelas galegas e galegos que precisan mellorar o seu nivel de formación e de incorporar ás empresas ao proceso formativo para dar resposta á demanda de traballo, casando oferta con demanda.

Formación para 2023

Para iso, a Xunta de cara a 2023 incrementa o orzamento destinado a formación para o emprego e orientación laboral nun 9,6%, ata chegar aos 202,2 millóns de euros, para seguir mellorando a capacitación das mulleres e dos homes que o precisen. Trátase do 47% da contía global do presuposto da Consellería (432 millóns) para o vindeiro ano.

Dos 202,2 millóns de euros, un total de 104 investiranse no novo Plan galego de formación para o emprego co que o Goberno galego seguirá impulsando unha formación dual e flexible, adaptada ás tendencias do tecido produtivo e ao actual mercado laboral. Contará cun 26,8% máis que no exercicio anterior para chegar a máis xente e con mellores programas.