O DOG publica mañá a ampliación ata os 10 M€ do investimento para a contratación de 520 persoas desempregadas en entidades sen ánimo de lucro

O DOG publica mañá a ampliación ata os 10 M€ do investimento para a contratación de 520 persoas desempregadas en entidades sen ánimo de lucro

  • A actuación de cooperación vai dirixida a crear emprego polas entidades de iniciativa social que traballan cos colectivos con máis dificultades para a súa inserción laboral.

  • Cada entidade beneficiaria recibirá de media 47.200 euros, 17.300 por persoa traballadora contratada.

  • As organizacións beneficiarias, no marco da orde, deben incorporar persoas desempregadas a tempo completo durante nove meses ou, no caso de ser a tempo parcial, durante doce.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica mañá a ampliación de 1,5 millóns de euros, ata os 10 millóns, das axudas á contratación de persoas sen emprego en entidades sen ánimo de lucro, no marco do programa de cooperación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Grazas a este incremento, a Xunta estima que se poida contratar unhas 520 persoas desempregadas en 205 entidades inscritas como de iniciativa social no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

O Goberno galego segue comprometido coa busca de máis e mellores oportunidades laborais para os galegos, a través da adquisición da experiencia profesional e mediante o impulso da súa inserción no sector dos servizos sociais.

As entidades beneficiarias desta liña de apoios deben ter como actividade principal o desenvolvemento de iniciativas para axudar aos colectivos con maiores dificultades para atopar un emprego. Trátase de persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, mulleres ou vítimas de violencia de xénero. O importe medio estimado para as entidades será duns 47.200 euros, 17.300 euros por persoa traballadora contratada.

Para recibiren os incentivos artellados mediante esta orde, as organizacións deberán garantir a contratación a tempo completo durante nove meses das persoas desempregadas ou por doce meses, no caso de que a vinculación laboral se realice a tempo parcial.