O ISSGA formou preto de 2.000 persoas nos primeiros sete meses do ano para desenvolveren un traballo máis seguro e previr riscos laborais

O ISSGA formou preto de 2.000 persoas nos primeiros sete meses do ano para desenvolveren un traballo máis seguro e previr riscos laborais

  • O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (issga) celebrou 13 xornadas técnicas con preto de 900 asistentes sobre materias como o benestar psicoemocional e a innovación e boas prácticas de sensibilización fronte ao ruído.
  • Preto de 130 persoas tomaron parte nos cursos presenciais para persoal traballador centrados no uso da motoserra e da rozadoira, en tarefas de axuda a domicilio e no sector forestal.

  • Nos cursos de prevención de riscos laborais de nivel básico participaron máis de 635 persoas e un cento de galegos acudiron á Escola Galega de Prevención e á Aula de Risco Eléctrico.

  • O Issga conta en 2023 cun investimento de 1,5M€ para seguir a incidir na inclusión da prevención nas organizacións e traballar cos sectores con maior sinistralidade.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) formou nos primeiros sete meses do ano (ata xullo) preto de 2.000 persoas a través da súa oferta de xornadas técnicas presenciais e en liña; de cursos para un traballo seguro dirixidos a persoal traballador, empresarios (pemes e autónomos) e alumnado de formación profesional; e formación básica para capacitar ao empresariado para xestionar a prevención de riscos.

A formación é un dos eixes principais do plan anual de actuacións que desenvolve este Instituto que programa actividades que, se ben se adecúan á perspectiva técnica da prevención e da saúde laboral, tamén queren atender as demandas e necesidades do tecido empresarial, xa que a mellora do nivel de coñecemento técnico constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura de prevención.

O Issga potenciou así ata xullo deste ano a formación práctica dirixida a diferentes perfís de persoas traballadoras e actividades, atendendo a áreas con maior risco ou sinistralidade e insistindo na integración da prevención de riscos no traballo diario.

A través de xornadas técnicas, que se imparten en modalidade presencial e telemática, o instituto deu resposta ás novidades técnicas e normativas, aos avances e innovación nos procedementos de traballo e maquinaria e a sectores produtivos con riscos específicos. Preto de 900 persoas participaron nestas propostas que puxeron o foco no benestar psicoemocional, na innovación e boas prácticas de sensibilización fronte ao ruído, na promoción da saúde no lugar de traballo e na prevención contra axentes nocivos como a sílice cristalina. Tamén se fixo fincapé nos traballos en altura, na prevención de riscos nas carpinterías e de enfermidades profesionais da voz no ámbito docente, así como na importancia da investigación de accidentes como técnica preventiva. Tamén se levou a cabo unha xornada centrada no ámbito ergonómico no sector da automoción e varias dirixidas ao sector agrario sobre o uso e manexo do tractor.

A segunda modalidade, a das actuacións de formación para un traballo seguro celebradas de xeito presencial, contou coa participación nestes primeiros meses do ano de 130 persoas. As accións formativas centráronse na prevención de riscos laborais en tarefas de axuda a domicilio e atención á dependencia e no sector forestal.

Este conxunto de formacións dirixíronse principalmente a pemes, micropemes e traballo autónomo, pero tamén a alumnos de formación profesional do sector forestal.

Nun terceiro conxunto de actividades enmárcanse os cursos básicos de 60 horas en prevención de riscos, nos que tomaron parte 640 persoas e que habilitan aos participantes para o exercicio das funcións de xestión nese nivel. Por sexto ano consecutivo contaron cunha modalidade específica para o emprego autónomo. Nestes caso, priorízase no acceso á oferta en liña ás delegadas e delegados de prevención e persoal traballador designado así como ao empresariado que asume a prevención de xeito directo no seo das súas organizacións.

O plan de formación do Issga completouse nos sete primeiros meses do ano co desenvolvemento dun programa de sensibilización e información en prevención de riscos laborais nos obradoiros de emprego, que contou coa participación de 154 persoas, e coas actividades que se desenvolveron na Escola Galega de Prevención (80 asistentes) e na Aula de Risco Eléctrico (37).

Actividade 2023

O Issga conta en 2023 con 1,5 millóns de euros do orzamento co que está a promover -entre outras actuacións- campañas de sensibilización para a redución da sinistralidade laboral e programas de mellora da xestión preventiva así como outros específicos por sectores, dando prioridade ás actividades que teñen a consideración de alto risco, así como ás áreas feminizadas e á promoción da seguridade e a saúde no emprego autónomo.