O programa Mentoring da Xunta de apoio aos autónomos inicia en setembro unha nova edición coa participación de 212 profesionais

O programa Mentoring da Xunta de apoio aos autónomos inicia en setembro unha nova edición coa participación de 212 profesionais

  • O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, mantivo unha xuntanza con representantes da Fundación Ronsel para ultimar a posta en marcha da iniciativa.
  • Grazas a esta actuación, un mentor acompaña a cada persoa autónoma para asesorala ante as novas necesidades do mercado, axudándoa á adaptación ou transformación do seu negocio.

     

Unha nova edición do programa Mentoring da Xunta, de apoio aos traballadores autónomos, arrancará en setembro coa participación de 212 profesionais deste colectivo. O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, mantivo unha xuntanza cos representantes da Fundación Ronsel, que colaboran co desenvolvemento desta actuación enfocada a axudar ás persoas traballadoras por conta propia na adaptación ou transformación dos seus negocios.

A iniciativa permite que cada persoa traballadora autónoma conte cunha mentora ou mentor que os asesore ante as novas necesidades do mercado. Entre as actividades que ofrece o programa destacan obradoiros de formación e a celebración de encontros para intercambiar experiencias. Así mesmo, a iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inclúe actividades para incrementar os contactos profesionais de cada autónomo.

Apoiar a consolidación da actividade económica das persoas traballadoras autónomas, acompañalas na adaptación ou transformación dos seus negocios ás necesidades de mercado e á situación actual, e contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión e outras, ao incremento dos seus contactos profesionais e a súa actividade económica é o reto desta iniciativa autonómica.

A maior parte das persoas participantes proceden das provincias da Coruña e Pontevedra e son mulleres. O tramo de idade predominante das e dos autónomos que participarán nesta nova edición do programa é entre os 30 e os 49 anos; na súa gran maioría contan con estudos universitarios ou mestrado; e a antigüidade dos seus negocios supera os 42 meses. Por sectores de actividade, as empresas dos participantes pertencen ao sector de servizos ás firmas e ás persoas e os traballadores solicitan apoio para a comunicación e márketing, vendas, administración e finanzas ou dirección, estratexia e planificación.

Este programa axudou en 2022 a un total de 200 profesionais autónomos de Galicia a reducir os riscos na súa actividade profesional, recibindo acompañamento para a consolidación dos seus negocios co reto de contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión, ao incremento dos seus contactos profesionais e ao aumento da súa competitividade.

O 90 % das persoas que tomaron parte na edición pasada afirmaron que a súa empresa mellorou “moito ou bastante” nas áreas nas que recibiron apoio por parte das persoas mentoras e preto do 70 % destacaron que a raíz do programa tomaron “algunha decisión importante” no seu negocio. Máis do 86 % consideraron que a relación establecida cos seus mentores foi “moi boa” e o 96,3 % cualificaron como de “moi o bastante útil” o acadado coa súa participación no proxecto.

O colectivo dos autónomos é prioritario para a Administración autonómica: cun 19,96 %, Galicia é a primeira comunidade autónoma con maior peso deste colectivo (no Estado representa o 16,07 %). Se falamos de mulleres, a comunidade ocupa a segunda posición con maior porcentaxe de traballadoras neste réxime cun 40,85 %, só por detrás de Baleares (41,17 %).