O universo NETiqueta: descúbreo!

Compartir

Mandas mensaxes por WhatsApp?

Es unha persoa usuaria activa das redes sociais?

Envías correos electrónicos?

Opinas en foros ou chats?

Xestionas un blog ou comentas os doutras persoas?

Es internauta!

Un suxeito que se move e manexa en Internet.

Relacionarse, informarse e comunicarse de forma eficaz, responsable e positiva a través da Rede demanda a aplicación da NETiqueta.

Somos seres de palabras.

As palabras configuran sociedades humanas, diferencian comunidades, crean estilos e promoven sensibilidades. Xeran influencia no proceder das persoas, favorecendo os contactos e as relacións sociais e profesionais.

A NETiqueta recolle os códigos sociais de boa conduta, recomendacións xerais e particulares desenvolvidas de forma colectiva, que se practican na comunicación dixital. Facilita a convivencia a través de dispositivos electrónicos, achegando a perspectiva humana ás contornas virtuais.

Internet é unha canle interactiva e dinámica, sen límites xeográficos, físicos ou temporais, cunha audiencia incontrolable e diversa e infinidade de contidos que poden chegar ao receptor de forma fragmentada. Comunicarse de forma natural, humana e auténtica permite ofrecer unha imaxe que se axusta fielmente á esencia de cada persoa.

A NETiqueta afecta as interaccións directas e indirectas entre os usuarios en contornas virtuais. Aplícase ás redes sociais, WhatsApp e outras aplicacións de mensaxería instantánea, correos electrónicos, foros, chats e blogs.

Unha entrada nunha bitácora, unha publicación ou un comentario nunha rede social, unha mensaxe curta, unha opinión nun blog, unha chamada de WhatsApp, unha videoconferencia, un rexistro de correo electrónico, entre outras accións, deixan a «pegada dixital» do seu autor en Internet. Un rastro electrónico do seu comportamento que o define como persoa virtual, conseguida mediante a acumulación de impactos e desenvolvendo un rexistro de contidos de valor, propios e alleos.

A NETiqueta ensínache a xestionar a relación dos contactos presenciais cos dixitais, cando coinciden nunha localización espazo-tempo.

A NETiqueta colabora no bo uso lingüístico. Ofrece recomendacións de estilo e redacción dixitais que permiten comunicarse de maneira eficiente e efectiva.

A NETiqueta permíteche coñecer as claves de actuación eficaz no correo electrónico e en mensaxería instantánea.

A NETiqueta oriéntate sobre como realizar unha descrición óptima do perfil da túa rede social, e das distintas seccións que o integran. Oriéntate sobre como agradecer mencións, facer os seguimentos e realizar comentarios.

A NETiqueta axúdate a facer un uso adecuado dos selfis, ofrecendo as características que os definen.

A NETiqueta axúdate a moverte con liberdade e seguridade polos distintos grupos e comunidades, sen sentirte obrigado a formar parte destes.

A NETiqueta colabora na xestión óptima, memorable e estratéxica da marca persoal. Axúdate a diferenciarte.

A NETiqueta é un modelo actualizado de xestión de comunicación interpersoal dixital, social e profesional, que favorece a navegación consciente, responsable e creativa.

Aplica a NETiqueta!

Picture of Mar Castro
Mar Castro

Asesora internacional en Comunicación Executiva e Marca Persoal.