Os concellos poden solicitar as axudas para contratar vítimas da violencia de xénero ata o próximo 2 de maio

Os concellos poden solicitar as axudas para contratar vítimas da violencia de xénero ata o próximo 2 de maio

  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria destas axudas dirixidas ás entidades locais, que poden cursar a súa solicitude soas ou entre varias
  • O Goberno autonómico financia un ano máis as retribucións salariais brutas totais das mulleres durante un máximo de doce meses nas entidades que as contraten
  • O orzamento das axudas ascende a 2,2 millóns de euros
  • Esta iniciativa quere contribuír a mellorar a autonomía económica destas mulleres e axudalas no seu camiño cara á recuperación

A Xunta de Galicia mantén aberta a nova convocatoria de axudas que, cun orzamento total de 2,2 millóns de euros, destina a sufragar a contratación neste 2023 de mulleres vítimas de violencia de xénero por parte de entidades locais (concellos, grupos de municipios, consorcios ou mancomunidades).

A liña publicada no Diario Oficial de Galicia financia a contratación das mulleres vítimas por parte dos entes locais ou agrupacións de municipios, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social. De resultar beneficiarios, recibirán a contía necesaria para sufragar as retribucións salariais brutas totais ata un máximo de 12 mensualidades.

As destinatarias finais dos apoios son mulleres que sofren violencia de xénero, incluídas as que padecen violencia vicaria ou trata con fins de explotación sexual. Para poder acceder aos contratos, no seu caso, deberán constar inscritas como demandantes de emprego ou ter solicitada mellora de emprego no Servizo de Emprego de Galicia.

Con estes apoios acompáñase ás mulleres no seu proceso de recuperación, para dotalas dunha maior autonomía a través da promoción da súa independencia e liderado, e capacitándoas para unha posterior inserción laboral no mercado ordinario. Para a Xunta, a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, convoca estas axudas desde o ano 2019, inseridas no conxunto de actuacións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que desenvolve a comunidade.