Permanece aberto ata o 2 de novembro o prazo para participar no programa de impulso ao emprego verde entre persoas sen traballo de contornas rurais

Permanece aberto ata o 2 de novembro o prazo para participar no programa de impulso ao emprego verde entre persoas sen traballo de contornas rurais

  • A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade colabora coa Fundación Santa María la Real na celebración desta iniciativa que promove a cualificación para o acceso ao emprego no eido da economía sustentable.

O prazo de inscrición no programa formativo Impulsa Emprego Verde, destinado a mellorar a cualificación de persoas desempregadas galegas -principalmente residentes en núcleos rurais- permanecerá aberto ata o próximo 2 de novembro.

Con esta iniciativa apoiada pola Xunta de Galicia e desenvolvida pola Fundación Santa María la Real trátase de formar persoas para que poidan acceder a oportunidades laborais no eido da economía sustentable.

A oferta formativa impartirase en liña e comprende 32 horas.  Inclúe obradoiros e itinerarios personalizados para que os beneficiarios adquiran habilidades de cara a ocupar novos postos de traballo vencellados coa economía verde. Bríndaselles, así, formación en liña e gratuíta a través de sesións grupais, asesoría individual e webinarios profesionais.

Poden participar nesta iniciativa persoas en desemprego de 18 a 65 anos que residan, principalmente, en zonas rurais. Galicia foi unha das tres comunidades autónomas seleccionadas este ano para acoller o programa.  

Impulsa Emprego Verde identifica as necesidades formativas relacionadas co emprego verde para mellorar a procura de emprego en sectores con maior proxección profesional.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da web: https://areaempleofsmlr.es/empleabilidad/impulsa-empleo-verde/.