Rivo clausura o obradoiro de emprego Terra de Mosteiros 2022 que formou 20 persoas desempregadas en especialidades forestais e para a construción

Rivo clausura o obradoiro de emprego Terra de Mosteiros 2022 que formou 20 persoas desempregadas en especialidades forestais e para a construción

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou no acto de peche desta acción, apoiada pola Xunta con medio millón de euros.
  • No período 2023-2024, o investimento en obradoiros duais para persoas desempregadas rozará os 39 millóns para chegar a uns 1.400 beneficiarios.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, presidiu hoxe a clausura do obradoiro dual de emprego Terra de Mosteiros 2022, apoiado pola Xunta de Galicia e desenvolvido pola Mancomunidade de Ourense. A actividade que agora remata permitiu a formación de 20 persoas desempregadas en especialidades con demanda nesta área, relacionadas coa conservación de montes e revestimentos para a construción.

Grazas a un investimento de máis de medio millón de euros a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade permitiu a formación dos alumnos-traballadores. Estas accións brindan oportunidades aos seus beneficiarios ao abrirlles unha porta ao mundo laboral e contribuír, por outra banda, a desenvolver actuacións de mellora nos seus concellos.

O obradoiro Terra de Mosteiros, permitiu, así, realizar actuacións nos concellos de Esgos, Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadañedo e Parada do Sil. Entre outras accións, recuperáronse lavadoiros, fontes e muíños, rutas de sendeirismo e se acometeron tratamentos silvícolas en diferentes puntos.

A Xunta de Galicia está a avogar pola formación como un dos mecanismos fundamentais para dinamizar o emprego. Os obradoiros son prioritarios neste obxectivo.  Poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades -como a de hoxe- ou entidades públicas dependentes. Ofrecen ao alumnado 12 meses formación cun contrato de traballo e a posibilidade dunha inserción posterior nas empresas da contorna na que se celebran.

Ao remate dos obradoiros, as alumnas e alumnos poden obter un certificado de profesionalidade. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa en ocupacións do ámbito das materias impartidas por un mínimo de tres meses unha vez completada a formación, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta.

Estas accións, que priorizan como beneficiarias a persoas desempregadas con dificultades para acceder ao mercado de traballo, contribúen a reforzar a colaboración da Xunta de Galicia cos concellos.

O Goberno autonómico destinará no período 2023-2024 un total de 38,9 millóns de euros á celebración de obradoiros duais de emprego como o hoxe clausurado en Ourense, cos que pretende mellorar a formación laboral e as posibilidades de inserción dunhas 1.400 persoas desempregadas. Desde 2009, Galicia leva destinados máis de 412 millóns de euros aos obradoiros, nos que se formaron máis de 17.700 persoas.