Rivo debulla en San Sebastián as medidas da Xunta que confirman que o emprego é a mellor contribución á política social

Rivo debulla en San Sebastián as medidas da Xunta que confirman que o emprego é a mellor contribución á política social

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe no Congreso estatal das empresas de inserción, no marco dunha mesa redonda sobre a contratación reservada como ferramenta de impulso do emprego inclusivo.

  • Aseverou que Galicia é referente na aplicación do sistema de reserva de contratos nos seus procesos de licitación, ao tempo que traballa nunha Estratexia da Economía Social deica 2027 e nunha nova Lei de cooperativas para axilizar a burocracia.

     

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe no Congreso estatal das empresas de inserción que se celebra en San Sebastián, no marco dunha mesa redonda sobre a contratación reservada como ferramenta de impulso do emprego inclusivo. Alí, deu conta das distintas medidas promovidas desde a Xunta de Galicia baixo a premisa de que o emprego é a mellor contribución á política social.   

Así, a conselleira destacou que Galicia é a primeira comunidade en canto á reserva dos contratos nos seus procesos de licitación co gallo de que participen de xeito exclusivo empresas de inserción ou centros especiais de emprego de iniciativa social. O Goberno galego está a traballar para que este sistema se implante en empresas ou entidades específicas, para brindar maiores oportunidades de emprego estable e de calidade ás persoas en situación ou risco de exclusión social ou que presentan máis dificultades para o acceso ao mercado laboral.

Na súa intervención, Elena Rivo tamén puxo de relevo que se está a deseñar co sector a Estratexia da Economía Social Horizonte 2027, para fomentar en Galicia o crecemento das empresas da economía social e contribuír a crear novas firmas con maior capacidade de resistencia. Nesa liña, búscase incrementar o número de empregos, priorizando a actuación en determinados colectivos (xente nova, mulleres, persoas con dificultade de incorporación ao mercado laboral…) e fomentando a redistribución no territorio.

Así mesmo, trabállase na nova Lei galega de cooperativas, para axilizar a creación de entidades, así como para impulsar o seu funcionamento adaptándoas aos novos tempos. O orzamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade contará en 2024 con 43,6 millóns de euros, un 3% máis ca este ano, para enfrontar estes retos.

Cabe engadir que a conselleira foi invitada pola Federación de asociacións empresariais de empresas de Inserción (Faedei) -a través da Asociación de empresas de inserción de Galicia (Aeiga)- a esta xornada de hoxe en San Sebastián, que leva por título Empresas de inserción, economía social e emprego inclusivo. Ten lugar nesta cidade vasca por ser a capital española da Economía Social 2023, tomando o relevo a Santiago de Compostela.