Rivo destaca a aposta por unha Galicia dinámica e inclusiva cuns orzamentos que medran un 2,4% ata acadar os 501,6 M€ na Consellería de Promoción do emprego e Igualdade
Rivo destaca a aposta por unha Galicia dinámica e inclusiva cuns orzamentos que medran un 2,4% ata acadar os 501,6 M€ na Consellería de Promoción do emprego e Igualdade
Estas contas expansivas permitirán avanzar na loita contra a violencia de xénero, impulsar o emprendemento e seguir a apoiar o traballo autónomo.
- Entre as novidades para 2024 incidiu no novo plan que incentivará as contratacións de mulleres en sectores masculinizados e avanzou un novo programa de formación para o arraigamento das persoas traballadoras.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, presentou na Confederación Empresarial de Ourense (CEO) as liñas estratéxicas do seu departamento para o ano 2024, no que a Consellería verá incrementado o seu orzamento nun 2,4% ata acadar os 501,6 millóns de euros.
Promoción do Emprego e Igualdade presentará no Parlamento de Galicia uns orzamentos expansivos para a igualdade e a loita contra a violencia de xénero con 53,9 millóns de euros presupostados (+13,65%) e para o impulso ao emprego e traballo autónomo, unha área que contará en 2024 con 107,7 millóns (+21%), debullou Rivo.
O Goberno autonómico destinará máis de 2,2 millóns de euros a un novo plan para fomentar a presenza feminino en profesións masculinizadas. Trátase de formar e contratar unhas 300 mulleres para que se incorporen a sectores laborais destas características. Tal e como indicou a conselleira, “desde a Xunta de Galicia tratamos de fomentar a presenza feminina nas profesións masculinizadas en aqueles sectores nos que realmente se demanda traballo, onde a presenza masculina é máis forte”.
Continuarase a apostar pola conciliación e a corresponsabilidade na vida familiar, persoal e laboral. Destinaranse máis de 2,3 millóns para apoio a medidas de conciliación, fomento da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e para a loita contra a brecha salarial.
Tal e como relatou a conselleira, tamén se favorecerá a extensión da rede de Centros de Información á Muller (CIM), onde se reforzará a atención a mulleres especialmente vulnerables e ás persoas LGTBIQ+.
As actuacións dirixidas á prevención e loita contra a violencia de xénero contarán cun 14,46% máis de orzamento no compromiso do Goberno galego de combater esta lacra. “Imos focalizar máis na educación e na prevención, sen olvidar, por suposto a atención ás vítimas”, indicou a conselleira.
Emprego autónomo e formación
Unha das partidas que experimentará un maior incremento en 2024 (+141%) é a de promoción do emprego autónomo: acadará case os 29 millóns de euros. Neste eido, seguirase a favorecer a empregabilidade de colectivos con especiais dificultades como as persoas mozas, con discapacidade, mulleres ou vítimas da violencia de xénero.
A economía social, relatou Rivo, experimentará unha suba do 3% e se destinarán 43,6 millóns de euros a impulsar este modelo que promove emprego igualitario e sustentable. A conselleira apuntou á nova Estratexia da Economía Social e á nova Lei de cooperativas como dous dos retos neste ámbito que axilizarán a creación de entidades.
A área de Formación para o Emprego e Orientación contará con máis de 232 millóns de euros. A Xunta seguirá a desenvolver o Programa Retorna Cualifica Emprego que se complementará cun proxecto piloto de arraigamento para a formación. Neste sentido, Rivo indicou que “a través de oenegués detectamos xente que xa estaba en Galicia con necesidades de traballar, que levaba máis de dous anos, e con formación imos incorporala ao mercado laboral galego con programas de arraigamento”.
En 2024 iniciarase o desenvolvemento en Galicia do sistema de microcredenciais, que promove pequenas formacións de entre 30 e 100 horas flexibles demandadas polo mercado. Continuarase coa modernización da rede de oficinas e coa implantación do sistema EMi de intelixencia artificial que mellorará a casación entre as ofertas e as demandas de emprego.
Destinaranse máis de 97,8 millóns de euros para formación de persoas desempregadas e ocupadas e máis de 73 para seguir a celebrar obradoiros, programas integrados de emprego e accións de orientación laboral.
O emprendemento será unha das grandes apostas, con 28,5 millóns de euros, un 56,2% máis que en 2023. Entre as actuacións anunciadas por Elena Rivo, incluirase unha nova liña de axudas para fomentar a remuda xeracional nas iniciativas emprendedoras e se consolidará a Rede de polos coa que a Xunta está a acompañar no inicio da súa actividade empresarial a centos de galegos. A conselleira destacou que o seu departamento aprobará no exercicio que vén unha Nova Estratexia de Emprendemento Horizonte 2027.
Orzamento territorializado
A provincia de Ourense acaparará o 20% do total da Consellería. Arredor de 100 millóns de euros destinaranse de forma directa ou indirecta a este territorio.
Neste sentido, reforzarase a Rede de polos de emprendemento na provincia de Ourense, coa apertura de dous novos: un no Barco de Valdeorras e outro en Baños de Molgas.
No procedemento de modernización e renovación das oficinas do servizo de emprego, abriranse novas dependencias no Carballiño, compartidas co Polo de Emprendemento, cun investimento de máis de 1,4M€.
Na provincia de Ourense destínanse, por outra banda, máis de 25 millóns de euros a accións de formación e obradoiros duais destinados a persoas desempregadas, indicou a titular de Promoción do Emprego na Xunta de Galicia.