Rivo referenda o compromiso da Xunta no impulso do cooperativismo como modelo que aposta polo traballo colaborativo e igualitario

Rivo referenda o compromiso da Xunta no impulso do cooperativismo como modelo que aposta polo traballo colaborativo e igualitario

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou na inauguración da VI Xornada Cátedra de Cooperativas Agroalimentarias.
  • O cooperativismo agrario está representado por 379 entidades en Galicia, que supoñen o 22% da actividade cooperativa da comunidade.

  • A Xunta de Galicia conta desde hai máis dunha década coa Rede Eusumo que traballa na divulgación e o impulso das fórmulas da economía social.

     

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou hoxe a aposta que Galicia está a facer pola economía social e, nomeadamente, polo cooperativismo, dado o seu valor na xeración de emprego e na dinamización da economía do rural. Na inauguración da VI Xornada Cátedra de Cooperativas Agroalimentarias lembrou que a comunidade conta desde hai máis dunha década coa Rede Eusumo para o estudo e a divulgación dos beneficios desta fórmula fundamental para o mercado laboral galego.

A Xunta está a impulsar a economía social que dá emprego na comunidade a cerca de 25.000 persoas. Tal e como detallou Rivo, dentro desta realidade, o cooperativismo é exemplo de traballo colaborativo e cimenta “unha economía máis igualitaria e equitativa”.

A comunidade ten rexistradas 379 cooperativas relacionadas co ámbito agroalimentario, supoñen un 22% da actividade cooperativa da que ten constancia a Xunta de Galicia. Tal e como relatou Rivo, a economía social en xeral representa máis do 7% do PIB galego cun impacto anual dun 850M€. Un total de 21 cooperativas da comunidade, lembrou, están situadas entre as 600 máis relevantes do Estado.

Galicia seguirá a apostar pola economía social e particularmente polo cooperativismo do que Elena Rivo destacou a súa aposta pola “solidariedade”, o “compromiso co emprego estable e de calidade” e o feito de que “sitúe ás persoas no centro, antepoñendo os beneficios sociais e colectivos á rendibilidade financieira”. Para a conselleira é relevante tamén a contribución destas entidades para fixar poboación no rural, así como a maior presenza e liderado de mulleres neste tipo de fórmula de negocio.

A Xunta de Galicia dispón desde hai máis dunha década da Rede Eusumo, que traballa na divulgación e o impulso das fórmulas da economía social. Conta con 97 entidades adheridas e grazas as actuacións desenvolvidas neste tempo permitiu crear en Galicia 190 novas entidades e xerar máis de 540 empregos directos.

O Goberno galego está a avanzar da man das entidades representativas do sector nunha nova Estratexia de economía social e nunha Lei de cooperativas que permitirá axilizar a creación de entidades e o seu funcionamento.

A conselleira amosou o seu convencemento de que apostar polo cooperativismo é apostar polo “talento compartido”, facéndoo crecer xunto coa contorna no que se enmarca e indicou que as cooperativas son exemplo a seguir para os máis novos e inspira a quen desexa iniciar unha actividade empresarial.