Rueda anuncia que a Xunta destinará máis de 2,2 M€ en 2024 a un plan para formar e contratar 300 mulleres en sectores fortemente masculinizados
Rueda anuncia que a Xunta destinará máis de 2,2 M€ en 2024 a un plan para formar e contratar 300 mulleres en sectores fortemente masculinizados
- Adianta que as empresas recibirán ata un máximo de 7.500 euros por cada muller que acade un contrato de traballo.
- Valora que esta iniciativa “pioneira” entre as comunidades axudará a romper estereotipos, á vez que se suma a outras medidas do Goberno galego para facilitar a incorporación da muller ao mercado laboral en postos cuxa presenza “non é a que debera”.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia coa igualdade e, neste marco, anunciou que o Goberno galego destinará o próximo ano máis de 2,2 millóns de euros para formar e contratar a unhas 300 mulleres para que se incorporen a sectores laborais fortemente masculinizados. Para iso, precisou que se outorgará ás empresas que participen ata un máximo de 7.500 euros por cada muller que acade un contrato de traballo.
Así o avanzou hoxe durante a inauguración do III Foro empresarial pola igualdade, organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, e que nesta edición está centrado no ámbito da dixitalización. Precisamente, citou o eido dixital e das novas tecnoloxías entre os distintos campos nos que as mulleres aínda están infrarrepresentadas e nas que o “talento feminino debería estar máis presente”.