Rueda anuncia que a Xunta destinará máis de 320 M€ a impulsar o comercio local a través do novo Plan estratéxico do sector
Rueda anuncia que a Xunta destinará máis de 320 M€ a impulsar o comercio local a través do novo Plan estratéxico do sector
Salienta que Galicia conta “con 32.000 establecementos comerciais que dan emprego a unhas 107.000 persoas”.
Asegura que o obxectivo do Plan estratéxico 2025-2030 é consolidar ao comercio galego coma un sector “forte, moderno, atractivo, sostible e de calidade”.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración destaca que se busca “blindar a súa competitividade e o futuro” do sector a través de máis de 70 accións como crear unha gran marca do comercio galego ou recuperar as contornas comerciais de localidades senlleiras.
Tamén busca impulsar unha experiencia de compra diferenciada, avanzando na profesionalización dos centros comerciais abertos e promovendo a excelencia das prazas de abastos e as súas sinerxías coa contorna.
A conexión coa mocidade é outra grandes pancas do Plan, fomentando o seu achegamento a través programa ‘Localízate’ e promovendo as novas vocacións emprendedoras para garantir a remuda xeracional co apoio da rede de polos.
O Plan tamén inclúe medidas para avanzar na recuperación de oficios tradicionais.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, dotado de máis de 320 M€ e co que se busca “modernizar, visibilizar e mellorar a competitividade do pequeno comercio”.
Trátase dunha planificación para os vindeiros anos que recolle 74 accións específicas para promover un sector clave para a economía galega. Tal e como explicou o presidente, Galicia conta “con máis de 32.000 establecementos” comerciais —é a quinta comunidade con maior número— que dan emprego “a unhas 107.000 persoas” e que son fundamentais “para dinamizar vilas e cidades”.
Rueda resaltou que o obxectivo é poñer en marcha un paquete de medidas para consolidar o comercio galego “coma un sector forte, moderno, sostible, atractivo e de calidade”. Pola súa banda, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou que este Plan “busca blindar a competitividade e o futuro” do comercio local na comunidade.
O conselleiro fixo fincapé en que esta folla de ruta absolutamente estratéxica foi froito dun intenso proceso participativo con todo o sector —realizado en colaboración coa Federación Galega de Comercio— no que a Xunta “colaborou con máis de 300 representantes” de federacións e asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, prazas de abastos, venda ambulante, grandes superficies, artesás, autónomos, cámaras de comercio, persoas consumidoras e Administración local.
O Plan conta cunha batería de ambiciosas medidas para garantir o seu futuro, grandes accións de visibilidade e dinamización, como —tal e como explicou o conselleiro— “a creación dunha marca unificada do comercio galego” que contribúa a transmitir a calidade e o servizo que presta ou a aposta pola “recuperación de contornas comerciais urbanas de localidades senlleiras” co proxecto singular Vilas vivas.
A planificación tamén pon o foco de xeito prioritario en potenciar o traballo de importantes axentes do sector para “impulsar experiencias de compra diferenciadas”, como é o caso dos centros comerciais abertos —avanzando na súa profesionalización e rexistro e potenciando a excelencia das propostas— e das prazas de abastos, como auténticos motores do territorio e magníficos escaparates do mellor produto galego de calidade, promovendo o selo Mercados excelentes ou sinerxías cos restaurantes das súas contornas a través da iniciativa Prato de mercado.
A conexión coa mocidade tamén figura como unha das grandes pancas do Plan e faino nunha dobre vía: por unha banda, con accións específicas como a campaña Localízate, dirixida a que este colectivo xere vencellos de valor co comercio de proximidade; e, pola outra, prestixiando a actividade comercial para espertar novas vocacións emprendedoras que garantan a necesaria remuda xeracional, favorecendo que se sustenten en proxectos sólidos e viables e que avancen na especialización segundo a evolución dos clientes e das propias necesidades do territorio en que se asentan.
Nun escenario marcado polas novas tendencias de consumo e polos desafíos globais dun mercado hiperconectado, este plan marca un novo fito no esforzo continuado do Goberno galego neste ámbito.
Unha aposta pola formación e a remuda
Entre as diferentes medidas para impulsar a competitividade do sector —o primeiro dos eixes do plan aprobado hoxe no Consello— o documento oriéntase a aspectos clave como o fomento da dixitalización —tendo en conta accións pioneiras como a creación de espazos de demostración tecnolóxica para os comerciantes nos recintos feirais de Galicia—, a aposta pola modernización dos espazos comerciais como ferramentas atractivas de venda en si mesmas ou o incremento da capacitación profesional, coa posta en marcha, por exemplo, de microformacións dixitais en temáticas moi específicas de interese para o día a día dos negocios ou dun plan de formación para os xerentes dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.
Tamén neste eixo se artellan accións específicas en prol do emprendemento e da pervivencia de negocios rendibles, promovendo sinerxías coa Rede de polos e buscando atraer o talento de perfís estratéxicos como a mocidade e os galegos retornados. Garantir a remuda tamén é un dos grandes obxectivos para Artesanía de Galicia, buscando a recuperación dos oficios tradicionais con novas iniciativas como as bolsas de aprendices en paralelo ao programa Aprender da tradición.
No que respecta ao segundo dos eixes, orientado a promover a visibilidade e o consumo no comercio local —e xunto con medidas estrela como os bonos Activa comercio ou as xas mencionadas Vilas vivas, Prato de mercado e Localízate—, destaca tamén a colaboración nas Áreas Rexurbe, centrado na recuperación de conxuntos históricos de vilas e cidades galegas. Tamén se recollen medidas en prol doutras figuras clave do comercio galego, como o comercio ambulante —coa promoción do distintivo de calidade Feiras de Galicia— e os obradoiros artesanais —estimulando diferentes vías de comercialización de Artesanía de Galicia e artellando novos programas de divulgación como Artesanía na escola.
Reforzo da coordinación do sector
Finalmente, o Plan, a través do seu terceiro eixe, consolidará un modelo activo baseado no coñecemento e na participación de todo o sector. Con ese motivo, crearase a nova Mesa do Comercio Galego, instrumento clave para a axeitada colaboración de todo o ecosistema e das administracións públicas, en paralelo ao traballo que xa se realiza a través das mesas locais de comercio, cuxo papel se seguirá intensificando. Tamén se promoverá a colaboración interinstitucional en prol do comercio coa Fegamp, as cámaras de comercio e os recintos feirais. Adicionalmente, reforzarase o labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia a favor dos dereitos das persoas consumidoras e, por tanto, da calidade dos servizos do sector comercial.