Rueda avanza que a Xunta investirá 36,4 M€ para impulsar en concellos, empresas e entidades sen ánimo de lucro a contratación de 3.500 persoas sen emprego

Rueda avanza que a Xunta investirá 36,4 M€ para impulsar en concellos, empresas e entidades sen ánimo de lucro a contratación de 3.500 persoas sen emprego

Resalta que o obxectivo é axudar a atopar traballo a colectivos vulnerables, con dificultades para acceder ao mercado laboral ou obter o primeiro emprego

Explica que o Consello da Xunta autorizou hoxe a convocatoria de catro liñas de axudas que se publicarán no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos vindeiros días

Increméntase case un 35% o orzamento para Galicia Emprega que con 17,4 millóns impulsará o emprego na empresa entre a mocidade, persoas paradas de larga duración, de 55 anos ou máis, persoas emigrantes retornadas e estranxeiras, mulleres e o colectivo da discapacidade ou en risco de exclusión social

Publicarase mañá por primeira vez un programa de cooperación con organismos intermedios para a contratación de persoas desempregadas de entre 18 e 29 anos en asociacións empresariais, clústeres ou asociacións de autónomos, entre outros

Aprol Rural favorecerá con sete millóns de euros o emprego en entidades locais emprazadas no rural galego

Destinaranse preto de 7,7 millóns para a contratación de 600 persoas desempregadas perceptoras da Risga nos concellos galegos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello autorizou hoxe a convocatoria de catro liñas de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que se publicarán nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia (DOG) para impulsar na empresa, entidades locais e sen ánimo de lucro a contratación de 3.500 persoas sen emprego. Vanse destinar case 36,4 millóns de euros “a promover a contratación de colectivos vulnerables, con especial dificultade para acceder ao emprego ou obter o seu primeiro traballo”, indicou.

En concreto, nas vindeiras semanas publicaranse as convocatorias do programa Galicia Emprega, un novo programa de cooperación con organismos intermedios de Garantía Xuvenil, da iniciativa Aprol Rural e das axudas para a contratación de persoas en risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de galicia (Risga).

Para incentivar o traballo na empresa, Rueda explicou que se convocará o próximo 31 de xaneiro no DOG o programa Galicia Emprega, que nesta edición incrementa o seu orzamento case un 35% ata os 17.450.000 euros co obxectivo de “chegar ata 2.200 desempregados”. O Goberno galego destina 4,5 millóns máis que en 2022, á contratación da mocidade (6.000 euros de apoio base), persoas paradas de longa duración (10.000 euros), de 55 anos ou máis (10.000 euros), persoas emigrantes retornadas (10.000 euros), mulleres (14.000 euros) e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social (16.000 euros). Como novidade nesta edición, ábrese unha liña específica para os emigrantes retornados e incorpóranse tamén como beneficiarios prioritarios os maiores de 55 anos. 

Estas contías base por cada contrato que desenvolva a empresa poderán incrementarse nun 25 %, e son acumulables entre si, se o centro de traballo está situado nun concello rural ou se a contratación se realiza con mulleres nunha actividade económica con subrepresentación feminina, entre outros.

Por cada contratación indefinida inicial que se realice, a empresa, ademais, poderá solicitar ata 4.000 euros para formación no centro de traballo.

Galicia Emprega, así mesmo, prevé incentivos para a transformación de contratos de tempo parcial a tempo completo, para a adaptación de postos de traballo para as persoas con discapacidade e para o incremento de duración dos contratos fixos descontinuos.

A estes apoios poderán acceder, ademais das empresas, os centros especiais de emprego, as entidades sen ánimo de lucro e as empresas de inserción laboral para a contratación de persoal. 

Cooperación con organismos intermedios

O segundo programa que se aprobou hoxe no Consello da Xunta referíse a unha nova actuación do Goberno galego que, deste xeito, convocará por primeira vez mañá un programa de cooperación con organismos intermedios, no marco de Garantía Xuvenil. Estará dotado con máis de 4,2 millóns de euros para a contratación de 200 persoas sen emprego de entre 18 e 29 anos en asociacións empresariais sectoriais ou multisectoriais, incluídas as de carácter tecnolóxico; clústeres; consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica; agrupacións industriais que representen un colectivo de empresas galegas; e asociacións de persoas traballadoras autónomas.

 

“Os contratos deberán ser como mínimo de 9 meses a tempo completo”, indicou Rueda. A contía dos apoios calcularase en función do grupo de cotización.

Emprego local

As dúas últimas actuacións que se autorizaron hoxe, segundo trasladou o presidente, convocaranse no DOG a vindeira semana (prevese para o 1 de febreiro) e son axudas para impulsar o emprego nas entidades locais de Galicia.

 

Dunha banda, segundo avanzou Rueda, publicarase Aprol Rural “cun orzamento de sete millóns de euros para a contratación de 500 persoas sen emprego en concellos do rural galego para a realizaciónde tarefas relacionadas coa prevención de incendios forestais” como son a limpeza de montes, a silvicultura ou a xestión da biomasa. Os apoios incluirán a contía de todos os custos salariais por cada persoa contratada, segundo o convenio colectivo vixente. Os importes da axuda poderán aumentar nun 15 % no caso de que as contratacións sexan para a realización dun traballo solicitado conxuntamente por varios concellos.

 

As axudas para a contratación de persoas en risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga) tamén están dirixidas ás entidades locais galegas. Nesta edición “inclúen un orzamento de preto de 7,7 millóns de euros para a contratación de 600 persoas”, indicou o presidente. Os apoios que conceda a Xunta serán os necesarios para sufragar todos os custos laborais, segundo o convenio colectivo vixente.