Rueda destaca as oportunidades que ofrece o programa Emprega Xuventude para abrir as portas do mercado laboral ao talento da mocidade galega
Rueda destaca as oportunidades que ofrece o programa Emprega Xuventude para abrir as portas do mercado laboral ao talento da mocidade galega
O presidente da Xunta inaugurou en Pontevedra unhas xornadas que xuntaron mozas e mozos preceptores das axudas do Goberno galego para entrar no mercado laboral e empresas colaboradoras e contratantes
Recorda que tralo éxito da primeira edición, o Goberno autonómico sacou unha nova convocatoria á que destina preto de 30 M€ para facilitar a contratación de preto de 2.000 mozas e mozos
Sinala que a mocidade precisa de emprego estable e de calidade para poder desenvolver o seu proxecto de vida e que as empresas galegas precisan da preparación e o pulo da xuventude
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, destaca as oportunidades que ofrece o programa Emprega Xuventude para abrir as portas do mercado laboral ao talento da mocidade galega. Asegurouno na inauguración da Xornada Emprega Xuventude, que reuniu en Pontevedra a mozas e mozos preceptores das axudas do Goberno galego para entrar no mercado laboral e a empresas colaboradoras e contratantes, un acto no que estivo acompañado pola conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.
A Xunta de Galicia organizou o encontro para dar a coñecer as accións que está a levar a cabo para incentivar a contratación da xente moza, para abrirlle ao talento as portas do mercado laboral e para que a mocidade decida quedarse en Galicia e desenvolver na súa terra o seu proxecto de vida. Con ese obxectivo, o Goberno galego puxo en marcha o ano pasado o plan Emprega Xuventude, e dado o éxito da convocatoria, tirou este ano dunha nova edición á que se destinan case 30 millóns de euros para facilitar a contratación de preto de 2.000 mozos e mozas. “Do que se trata -dixo o presidente da Xunta- é de darlle unha oportunidade á xente moza, que se quere traballar aquí, que poida facelo”.
Ao encontro acudiron representantes de empresas de diferentes eidos que se beneficiaron das axudas do programa, así como mozas e mozos contratados a través da convocatoria que deron a coñecer a súa experiencia no mercado laboral. Sectores como as TIC, os coidados, a tecnoloxía, a comunicación ou os deportes, que tanto chaman á xuventude e que tan necesitados están de persoal cualificado, botaron man desta oportunidade que lles permitiu mellorar a súa competitividade, en tanto que as mozas e mozos beneficiarios puideron romper o teito de cristal da primeira contratación e iniciar así a súa andaina profesional.