Rueda destaca que a nova Lei galega de igualdade situará a Galicia como primeira comunidade en regular a sustentabilidade social empresarial para acadar o benestar laboral

Rueda destaca que a nova Lei galega de igualdade situará a Galicia como primeira comunidade en regular a sustentabilidade social empresarial para acadar o benestar laboral

  • Subliña que o obxectivo é “garantir que todos os galegos teñen as mesmas oportunidades” e “evitar calquera discriminación contra as mulleres”.
  • Resalta que “impulsará o benestar laboral” como “piar para guiar as políticas de emprego e igualdade” ao promover medidas para facilitar “a conciliación, o teletraballo ou a flexibilidade horaria”.

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade resalta que grazas a esta Lei, Galicia contará cunha regulación “adaptada aos tempos” e que dea resposta “á nova cultura empresarial” que sigue criterios sociais e busca o benestar das persoas traballadoras.

  • Crearase o Estatuto das mulleres rurais e do mar, dous colectivos que contarán co seu respectivo Observatorio como órgano colexiado para poñer en valor as súas necesidades e no que se sentará, ademáis da Administración galega, o tecido asociativo, sindicatos, patronal e a Fegamp.

  • A Lei recoñecerá a discriminación múltiple e interseccional e promoverá espazos seguros e libres de acoso sexual nas cidades e en eventos multitudinarios.

  • O anteproxecto hoxe presentado en Consello é resultado do proceso participativo que permitiu incorporar máis de 200 alegacións.

O presidente da Xunta, Alfondo Rueda, resaltou hoxe que Galicia contará cunha nova lei de igualdade que situará a Galicia á vangarda ao ser “a primeira comunidade que vai regular o concepto de sustentabilidade social empresarial”, co que aspira a modernizar e revolucionar a cultura empresarial con base nos valores ambientais, sociais e de gobernanza que están a rexer os mercados a nivel mundial. 

“O obxectivo é garantir que todas as galegas e galegos teñas as mesmas oportunidades e evitar calquera discriminación da muller”, resaltou o presidente, quen explicou que un dos “eixos principais” da futura normativa van ser “actuacións no eido laboral”. Nesta liña, subliñou que “a Lei impulsará o benestar laboral como piar para guiar as políticas de emprego” e puxo como exemplo o impulso de medidas “para a conciliación, a flexibilidade horaria ou o teletraballo”.

O anteproxecto da norma que hoxe recibiu a aprobación do Consello da Xunta para iniciar a súa tramitación parlamentaria a próxima semana, estará vixente antes de que remate a presente Lexislatura. Vai actualizar unha lexislación que, segundo indicou a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, “ten case 20 anos”. “Desde entón houbo cambios a nivel social, económico e laboral sobre a concepción de igualdade. Grazas a esta Lei, Galicia vai ter unha normativa adaptada aos tempos e vaise dar recoñecemento legal a esa nova cultura empresarial con criterios sociais e que pensa no benestar laboral” dos seus traballadores, indicou.

Lorenzana explicou que o obxectivo “é que as empresas favorezan a igualdade de oportunidades entre o persoal traballador con independencia do seu xénero e a creación de equipos diversos, mellorando a súa competitividade e converténdose en polos de atracción e retención do talento”.

A sustentabilidade social empresarial convertirase, con este compromiso, nun dos eixos fundamentais para loitar contra a discriminación da muller no eido laboral e para facer efectiva a igualdade de oportunidades en Galicia superando conceptos como a responsabilidade social empresarial e aliñando a norma autonómica cos últimos avances normativos a nivel estatal e internacional, así como tamén coas novas tendencias do mercado laboral. “Trátase de regular e promover que as empresas tomen medidas para mellorar a calidade de vida e as condicións laborais dos seus traballadores”, indicou Rueda.

A nova Lei de Igualdade reforzará o compromiso do Goberno da Xunta na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da súa igualdade, atribuíndolle o máis alto grao de efectividade do dereito constitucional á igualdade entre eles.

A norma tamén permitirá asentar un marco legal no que encaixarán medidas xa implantadas e se incorporarán outras en consonancia coas novas necesidades socio-laborais. Así, a nova lei de igualdade ademáis de introducir novos conceptos como o de sustentabilidade social empresarial, tanto na súa dimensión interna como externa, apontoará a idea do benestar laboral, que é outro termo que acuña para referirse á mellora da calidade de vida e das condicións laborais das persoas traballadoras grazas á implementación dos factores que leva parellos a sustentabilidade social empresarial. Nomeadamente, a conciliación da vida laboral e familiar, a implementación de plans de igualdade nas empresas, o fomento do emprego feminino de calidade, a formación en igualdade laboral e habilidades dixitais ou a prevención de riscos con perspectiva de xénero. 

A norma, que se adapta ás novas tendencias no eido da igualdade de xénero e, nomedamente, da igualdade laboral, regulará tamén medidas especiais para integrar a perspectiva de xénero no teletraballo e o fomento de boas prácticas nas empresas (como o dereito á desconexión) e para apoiar a racionalización e flexibilización dos horarios de traballo, dirixidas, especialmente, a pequenas e medianas empresas e a entidades do terceiro sector.

En paralelo, reflíctese o compromiso de apoio económico ao emprendemento feminino en empresas dixitais e de incentivos para o fomento das vocacións de mulleres onde están infrarrepresentadas.

Mulleres rurais e do mar

O Goberno galego, ademáis de atender as novas tendencias do mercado de traballo, tamén presta especial atención á realidade do sector feminino en Galicia. Por iso, dedicará un capítulo ás mulleres rurais e do sector marítimo-pesqueiro, onde se recolle unha carta de dereitos e se lles recoñece prioridade nas políticas de emprego autonómicas. Fomentarase o asociacionismo e o traballo en rede destas mulleres e se creará un premio Muller Rural e do Mar en Galicia para distinguir a súa singularidade.

O texto crea, ademais, o Observatorio das mulleres rurais e do mar, como órgano colexiado de asesoramento, análise e seguimento da súa situación. Estará integrado por, ademáis de representantes da Administración autonómica, de organizacións profesionais agrarias, do tecido asociativo, dos sindicatos, da patronal, da Fegamp e persoas expertas. Terá unha sección de mulleres rurais e outra de mulleres do mar para outorgarlles cadanseus espazos propios.

Multidiscriminación e espazos anti-acoso

Galicia recoñecerá por primeira vez a discriminación múltiple e interseccional da muller, que corresponde aos supostos nos que varias causas dificultan inda máis o desenvolvemento persoal e social das afectadas, como poden ser de discapacidade, de etnia, idade avanzada, de orientación sexual, de pobreza, de inmigración, de situación de trata etc.

O novo texto legal, noutro eido de cousas, regulará novos programas de cidade segura, a fin de crear espazos urbanos libres de violencia e acoso sexual e por razón de sexo (sendas seguras, paradas a demanda do transporte público, sinalización urbana clara, maior iluminación, etc.). 

Os actos multitudinarios organizados pola Xunta de Galicia contarán tamén con espazos seguros e libres de violencia coa dotación de medios, sendas e transportes seguros e dispoñibilidade de servizos sanitarios adecuados que correspondan.

A comunidade reforzará tamén a protección da muller contra os ataques sexistas difundidos a través das tecnoloxías da información. Nestes casos, a nova norma outorgará aos Centros de Información á Muller (CIM) de ámbito local un papel relevante no labor de acompañamento e apoio ás vítimas destes ataques.

Por último, a Lei de igualdade incidirá de xeito transversal noutros ámbitos como o da saúde, o educativo ou o deportivo.

A nova lei foi resultado dun proceso de participación que permitiu integrar máis de 200 alegacións, estrutúrase en 8 títulos, 29 capítulos e 194 artigos.