Rueda destaca que a Xunta investirá 7,5 M€ en microformacións deseñadas polos clústeres de nove sectores estratéxicos para cualificar a 17.000 persoas

Rueda destaca que a Xunta investirá 7,5 M€ en microformacións deseñadas polos clústeres de nove sectores estratéxicos para cualificar a 17.000 persoas

  • Salienta que isto permitirá dar solución “á falta de persoal cualificado” a través de formacións “específicas” e adaptadas ás necesidades do tecido produtivo.

     
  • Ofreceranse medio milleiro de cursos en áreas estratéxicas como o naval, a automoción, as enerxías renovables ou as TIC, mellorando a empregabilidade e a competitividade das empresas.

  • As accións impártense dende os propios clústeres para incrementar a súa eficacia, centrándose en ámbitos como a soldadura e a robótica no sector metalúrxico e os vehículos híbridos e eléctricos no eido das enerxías renovables, entre outras.

  • Resalta o “papel fundamental” dos clústeres nas “boas cifras” da economía galega que pechou 2024 con récord de exportacións e o paro en “mínimos históricos”.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta investirá uns 7,5 millóns de euros na formación de máis de 17.000 galegos e galegas en sectores clave para o desenvolvemento económico da comunidade e continuar impulsando a formación flexible e axustada á demanda do tecido produtivo. Isto permitirá dar solución “á falta de persoal cualificado nalgúns sectores e a necesidade de formación específica”.

Así, mediante a sinatura de convenios de colaboración con 9 clústeres e entidades da comunidade, poñeranse en marcha máis de medio milleiro de cursos, curtos e de carácter práctico, co obxectivo de mellorar a cualificación profesional en ámbitos estratéxicos como o naval, o metal, a automoción, as enerxías renovables, a construción, a loxística, as TIC, o comercio e a perruquería e estética.

Durante o acto de rúbrica dos acordos, Rueda destacou que Galicia “é punta de lanza” na aposta pola formación á carta para responder ás demandas dun mercado laboral en constante transformación. “Ninguén mellor que os clústeres para deseñar os cursos que fan falta para os traballadores” dos diferentes sectores.

Os convenios asinados hoxe supoñen a realización de cursos prácticos, deseñados e impartidos polas propias entidades —o que incrementa a súa eficacia— en áreas como soldadura, robótica, vehículos híbridos e eléctricos, e programación avanzada. Estas accións formativas estarán vinculadas ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, o que permitirá aos participantes acceder a procesos de acreditación e obter certificados de profesionalidade, aumentando así a súa empregabilidade.

“As microformacións, a formación flexible e inmediata é o que se precisa para seguir xerando riqueza,” explicou o presidente sobre esta iniciativa que beneficiará directamente tanto os traballadores como as empresas galegas.

Un mercado laboral máis forte

A Xunta de Galicia leva anos traballando da man do tecido produtivo na flexibilización da formación a través dunha estratexia integral propia, pioneira en España e que seguirá desenvolvendo ao longo deste ano, con especial foco no impulso de cursos á demanda, microcredenciais e pílulas formativas. O obxectivo é seguir contribuíndo á senda de crecemento que experimenta o mercado laboral galego, que precisamente vén de pechar 2024 cun aumento de preto de 17.300 persoas afiliadas á Seguridade Social con respecto ao ano anterior e acadando a cifra de desemprego máis baixa nun mes de decembro de toda a serie histórica, con 118.838 persoas.

Datos económicos

Durante a súa intervención, Rueda agradeceu o labor diario que realizan os clústeres, “unha parte fundamental da economía de Galicia” e “responsables das boas cifras” coas que Galicia “pechou 2024”. Nesta liña, resaltou que a comunidade rematou o ano con récord de exportacións, o paro en “mínimos históricos”, cunha confianza empresarial “salientable” e lembrou que o PIB galego medrou nos últimos anos un “41,8%”, fronte ao incremento do 34% a nivel estatal.