Sabías que a economía social galega é o camiño cara a igualdade, a sostibilidade e a inclusividade?: contámosche!
Compartir
Na actualidade, o cooperativismo representa un modelo de negocio moi importante para a economía galega.
Sabías que achega uns 850 millóns de euros anuais, o que representa máis do 7% do noso PIB?
Son moitas as persoas que optan por formar parte deste tipo de modalidade de traballo asociado, cuxo foco son os beneficios sociais, por encima dos económicos.
Non cremos que sexa casual que o emprendemento cooperativista emerxa hoxe, con forza, na nosa comunidade, xa que vén da man dunha necesidade social actual: colocar ás persoas no centro da actividade, coa finalidade de potenciar o seu benestar.
E desde a Xunta de Galicia queremos impulsar todo aquilo que achega benestar á poboación galega!
Por iso, estamos a traballar, dentro do marco dun procedemento participativo, na modificación da lexislación autonómica vixente, coa finalidade de axilizar o proceso burocrático e adaptar o seu contido á realidade actual.
Apostamos polo cooperativismo, porque cremos no poder transformador e de crecemento dunha economía social consolidada!
Esta estrutura, froito da participación e desenvolvemento colectivo, que permite unha repartición equilibrada de dereitos e deberes e que é capaz de reunir a un perfil variado de profesionais e persoas diversas, merece, sen dubidalo, de todo o apoio da Xunta de Galicia.
Desde o Goberno Autonómico, estamos a perfilar a II Estratexia galega da Economía Social 2023-2026, coa que se prevé xerar, baixo o paraugas desta estrutura laboral, uns 3.500 postos de traballo e 400 novas entidades.
Se tes ou queres entrar no proceso do cooperativismo, contámosche que existen tres liñas de apoio económico:
- Fomentar o emprego e emprendemento cooperativista.
- Consolidar a presenza das entidades de economía social no tecido económico de Galicia.
- Crear cooperativas e sociedades laborais a partir de empresas sen substitución xeracional.
Cales son os nosos propósitos?
- Impulsar o posicionamento das cooperativas nos sectores tecnolóxico e dixital, verde, industrial e sostible.
- Mellorar as competencias persoais e as capacidades dos organismos na economía social, para facilitar o seu crecemento continuo e as súas posibilidades á hora de asumir os retos socioeconómicos actuais.
- Promover o liderado feminino, dentro deste sector, que xa alcanza case as 29.000 mulleres, das cales 27.000 xa son socias.
Desde a Xunta de Galicia témolo claro: Impulsando este modelo de negocio, estamos apoiando a igualdade, a sostibilidade e a inclusividade no noso territorio!
Para máis información: http://www.eusumo.gal/