Trenor clausurou o obradoiro de emprego de Ames e Brión no que se formaron 20 desempregados en montaxe de instalacións solares fotovoltaícas

Trenor clausurou o obradoiro de emprego de Ames e Brión no que se formaron 20 desempregados en montaxe de instalacións solares fotovoltaícas

  • O delegado da Xunta felicitou aos profesores e aos alumnos polo resultado dos traballos realizados neste taller de formación e recalcou que agora todos os alumnos estades mellor preparados para atopar un emprego nunha área innovadora cunha alta demanda de profesionais.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, clausurou, esta mañá, o obradoiro de emprego de Ames, compartido con Brión, no que formaron 20 desempregados  en montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas, unha área innovadora con alta demanda de profesionais.

Trenor felicitou aos profesores e aos alumnos polo resultado dos traballos realizados neste taller de formación e recalcou que “agora todos os alumnos estades mellor preparados para atopar un emprego”.

Grazas a un investimento máis de 500.000 euros os participantes combinan un contrato de formación e aprendizaxe, durante 12 meses, cun contrato en prácticas nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. “O obxectivo – incidiu – é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”.

Na clausura, o delegado da Xunta informou tamén da resolución completa dos novos obradoiros de emprego de garantía xuvenil dirixidos aos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes para o ano 2023-2024, que permitirá a realización dun total de 6  talleres na provincia da Coruña, onde participarán alumnos e alumnas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investirá en políticas activas de emprego nestes talleres na Coruña máis de 2,5 millóns de euros e na comarca de Santiago máis de 1,2 millóns de euros.

O delegado da Xunta informou de que, en breve, se notificarán os talleres de emprego duais nos que a Xunta fará un gran esforzo para atender a demanda de todos os concellos.

O representante do Goberno autonómico lembrou que a Xunta destinará no período 2023-2024 un total de 38,9 millóns de euros á celebración de obradoiros duais cos que pretende mellorar a formación laboral e as posibilidades de inserción dunhas 1.400 persoas desempregadas.

Trenor destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar á nosa poboación de formación de calidade ao tempo que os alumnos desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. Una vez rematados, despois de 12 meses, dixo, “contemplan a opción de traballar nunha empresa da contorna a través dos incentivos á contratación concedidos desde a Administración autonómica”.

Con esta ferramenta incídese, ademais, na inserción no mercado laboral de persoas en situación de especial dificultade, entre outras, emigrantes retornadas; mulleres; vítimas de violencia de xénero; persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; paradas de longa duración; con discapacidade; maiores de 45 anos; ou traballadoras e traballadores que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior.