Trenor lembra que está aberto o prazo para solicitar as axudas de ata 3.000 euros do bono autónomo ata o próximo 29 de setembro

Trenor lembra que está aberto o prazo para solicitar as axudas de ata 3.000 euros do bono autónomo ata o próximo 29 de setembro

  • O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou hoxe a iniciativa empresarial Gola de Toy Library, un exemplo de traballador autonómo beneficiario o ano pasado destas axudas.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, destacou hoxe neste Concello a aposta que está a facer a Xunta de Galicia por impulsar o traballo autónomo nunha visita á escola de inglés Gola The Toy Library, un centro de formación innovador que naceu fai 10 anos co obxectivo de ensinar este idioma dunha forma natural e divertida en un ambiente cen por cen en inglés.

Na súa intervención, Trenor lembrou que ata o 29 de setembro está aberto o prazo para solicitar o Bono Autónomo e animou a todos os posibles beneficiarios a solicitar estes apoios xa que hai crédito dispoñible.

Trátase de axudas de ata 3.000 euros para, por exemplo, mercar maquinaria, utillaxe, ferramentas ou equipos informáticos, e tamén, para a reforma do local, entre outras. “Todo para apoiar a consolidación e a mellora da competitividade das persoas traballadoras autónomas”, engadiu o delegado. O Bono Autónomo prevé chegar a 3.500 persoas este ano.

O representante do Goberno autonómico puxo en valor o esforzo da Xunta de apoio a profesionais autonómos e emprendedores que suman este ano máis de 78,3 millóns de euros (60 millóns destinados ao traballo autónomo e 18,3 millóns ao emprendemento)  distribuídos en diferentes programas como son, entre outros, os 12 millóns de euros para apoiar o inicio de actividade por conta propia; o Bono Autónomo que con 8 millóns de euros busca a consolidación e mellora da competitividade dos negocios; ou as axudas para a formación e contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador, que contan cun investimento de 1,3 millóns de euros. Trenor lembrou que estas tres liñas de apoios poden solicitarse aínda, ata o próximo 29 de setembro.

Ás iniciativas autonómicas dirixidas aos autónomos súmase o presuposto dirixido ao emprendemento, un total de 18,3 millóns de euros que inclúe, entre outros, o impulso á Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego coa que a Xunta está a ofrecer un asesoramento personalizado e permanente ás persoas emprendedoras, axudándoas desde principio a fin cos seus proxectos empresariais.

A Rede, que botou a andar en xullo de 2022, conta na actualidade con oito polos en activo, dous deles na provincia da Coruña (o da Costa da Morte -en Coristanco- e o Rías Altas e Arco Ártabro -en Ferrol-). En pouco máis dun ano de funcionamento ofreceu un asesoramento permanente e especializado a máis de 550 persoas en toda a Comunidade axudándoas a desenvolver arredor de 570 de proxectos empresariais. No caso da provincia da Coruña, supéranse os 200 proxectos atendidos.