Xestionar conflitos na empresa a través do xogo serio

Compartir

As empresas contactan co noso despacho en calidade de avogadas cando queren xestionar un conflito laboral. En moitas ocasións non hai realmente un problema xurídico de fondo, senón que estamos ante problemas de comunicación xestionados de forma inadecuada, que derivaron en situacións de tensión ou bloqueo na empresa.

Acudir ao xulgado non sempre é a mellor solución, posto que os procesos xudiciais son lentos e máis custosos que outras formas alternativas de resolución de conflitos, por exemplo a mediación ou a negociación asistida.

Lamentablemente, estes métodos alternativos á vía xudicial de resolución de conflitos non son moi utilizados polo gran descoñecemento que existe no mundo empresarial, mais cando se opta por estas alternativas os resultados son moi positivos.

O xogo e o conflito, de entrada, parece que non teñen moito que ver, sobre todo se estamos nunha contorna empresarial. E pódovos dicir que o xogo, orientado e enfocado cara á creatividade e comunicación, é unha das mellores ferramentas para desbloquear situacións de conflito que parecían insalvables.

Refírome concretamente á metodoloxía LEGO® SERIOUS PLAY®. Este método foi creado en resposta a un importante desafío no que se atopaba a empresa LEGO a mediados dos anos 90, onde necesitaban dar resposta a outra forma de xogar que se estaba impoñendo nesa época e para a que non atopaban resposta.

Despois de varios anos de investigación, e moita creatividade, desenvolveuse esta metodoloxía que, ademáis de enfocarse ao mundo do xogo infantil, dá un paso moito máis amplo permitindo que as organizacións, os equipos de traballo e as persoas en xeral, dispoñan dunha técnica que facilite a comunicación, a reflexión e, en definitiva, a resolución de problemas e conflitos.

Utilizando as pezas do Lego podemos «construír» de forma literal aquilo que está na nosa mente e que ás veces nos resulta moi difícil explicar con palabras.

A conexión que temos entre a nosa mente e as nosas mans é moito máis potente do que poidamos imaxinar. Hai unha linguaxe inconsciente que flúe a través da creación das construcións de Lego e será máis fácil comunicarse cos demais utilizando como base esas creacións.

Ábrense, polo tanto, espazos de diálogo entre todas as persoas para entender as diferentes visións de cada unha sobre unha mesma situación, construíndo de forma conxunta e fomentando a creatividade para a procura de solucións.

Basear a comunicación sobre o modelo que estamos a construír, e non sobre as persoas da organización, axúdanos a que poidamos falar sobre os feitos ou situacións que estamos a vivir, sen que os demais se sintan atacados ou xulgados, e ao mesmo tempo ao poder ver as construcións que esas persoas realizan sobre os mesmos feitos, resultaranos máis sinxelo poder empatizar ou comprender as súas visións, sen tomar esas situacións como un ataque persoal.

Principalmente en momentos como o actual, onde os cambios se producen de xeito moi rápido e sen poder apenas adaptarnos aos mesmos.

LEGO® SERIOUS PLAY® proporciónanos unha forma de traballar e de xestionar o conflito dunha forma seria, orientada e ao mesmo tempo creativa.

As empresas socialmente responsables deberían contar de forma precisa con métodos alternativos á vía xudicial para a resolución dos conflitos, e fomentar todo tipo de metodoloxías na procura dun bo clima laboral, que xera, sen dúbida, os mellores resultados para calquera organización.

Picture of Marcela Parga
Marcela Parga

CEO en Parga Asociados
Avogada, Mediadora, Trainer para España da International Coaching Community