Xunta e Escuela de Organización Industrial asinan un acordo marco para impulsar en Galicia o traballo autónomo, o emprendemento e a economía social

Xunta e Escuela de Organización Industrial asinan un acordo marco para impulsar en Galicia o traballo autónomo, o emprendemento e a economía social

  • O Goberno galego aspira a dinamizar as oportunidades de creación de emprego, a partir de fondos europeos e estatais, a través da aceleración de iniciativas innovadoras, a atracción de talento feminino e o fomento do traballo no eido do cooperativismo.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario general de Industria e da Pequena e Mediana Empresa, Francisco Antonio Blanco, asinaron un Acordo Marco polo que este departamento autonómico colaborará coa Fundación Escuela de Organización Industrial F.S.P. (EOI) adscrita ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, para desenvolver na comunidade medidas de impulso ao emprendemento, o emprego, o traballo autónomo e a economía social.

A Xunta de Galicia quere aproveitar a oportunidade que brindan tanto os fondos europeos e estatais, así como como outras fontes de financiación públicas e privadas, para poñer en marcha actividades que posibiliten tanto a creación e consolidación de empresas como de proxectos emprendedores innovadores.

Entre outras medidas concretadas neste marco, impulsarase en Galicia o emprendemento e o autoemprego con programas específicos que porán o acento nas persoas desempregadas en sectores de actividade prioritarios. Tamén se avogará polo impulso do cooperativismo entre persoas mozas, favorecendo a súa formación cara a que inicien unha actividade por conta propia ou participen en iniciativas colectivas.

Un dos eidos de actuación será o do fomento do autoemprego feminino, en concreto nas zonas rurais, favorecendo a creación de empresas dirixidas por mulleres.

A colaboración coa EOI permitirá ademais ao Goberno galego desenvolver programas enmarcados no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) como os orientados ao fomento das capacidades emprendedoras ou á aceleración de iniciativas innovadoras; o programa Bandeira para a organización e/ou atracción de eventos no ámbito do emprendemento; e un terceiro, para atracción de talento feminino.

Neste conxunto de medidas, poderanse financiar outras actuacións co PRTR, entre as que destacan as orientadas á capacitación para a transformación dixital de mozas e persoal directivo ou as incluídas nos plans Nacionais de Competencias Dixitais e Dixitalización, ambas as dúas dirixidas a pemes.

A Xunta de Galicia está a avogar este ano polo emprendemento de xeito decidido. En 2023, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a destinar máis de 18 millóns de euros a esta área estratéxica que, entre outras medidas, está a permitir o despregamento da a Rede de polos de emprendemento e epoio ao emprego que antes de que remate o ano chegará ao 100% do territorio galego.