Xunta e Xoves Empresarios de Bergantiños asinan o protocolo de adhesión para conectar demanda e oferta de traballo e dar resposta ás vacantes
Xunta e Xoves Empresarios de Bergantiños asinan o protocolo de adhesión para conectar demanda e oferta de traballo e dar resposta ás vacantes
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o presidente da Asociación de Xoves Empresarios de Bergantiños (Axober), Isidro Varela, comprometéronse a traballar da man para casar oferta e demanda laboral
O acordo permitirá achegar as ofertas ás oficinas galegas de emprego e mellorar o seu papel intermediador
Puxo en valor a actividade que se está a desenvolver na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe co presidente da Asociación de Xoves Empresarios de Bergantiños (Axober), Isidro Varela, o protocolo de adhesión ao sistema de difusión de ofertas de emprego do Servizo de Emprego de Galicia. Deste xeito, a Xunta e a entidade empresarial comprométense a traballar da man para dar resposta ás vacantes do mercado de traballo, casando oferta con demanda.
En palabras de Lorenzana, trátase de xeito efectivo de conectar a oferta de postos coa demanda para favorecer que o tecido empresarial atope as persoas coas competencias máis axustadas ás súas necesidades, e de que as persoas demandantes de emprego accedan a un posto de traballo adecuado ao seu perfil profesional.
O protocolo asinado hoxe en Carballo permitirá, por unha banda, achegar ofertas de traballo ao Servizo de Emprego de Galicia por parte de Axober e dos seus afiliados e, por outra, potenciar o papel de intermediación laboral das oficinas de emprego.
Lorenzana lembrou que a Xunta ten en marcha políticas eficaces para mellorar a formación para o emprego da poboación galega e incentivar a súa contratación e o emprendemento. Neste senso, está en marcha a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego que supón un impulso pioneiro na cualificación das galegas e galegos. É un gran pacto polas capacidades das persoas traballadoras a través da colaboración público-privada na creación dunha contorna de aprendizaxe permanente, na que actualizar as competencias profesionais das persoas traballadoras en función das novas tendencias e necesidades do mercado laboral.
Ademais do impulso das capacidades das galegas e galegos, estase tamén a traballar na mellora da colocación, a través do sistema de orientación laboral ao que se está incorporando o novo persoal, 136 novas traballadoras e traballadores na rede de oficinas de emprego de Galicia. Na provincia da Coruña, incorporaranse preto de medio cento de orientadoras e orientadores dos que tres prestarán servizo na oficina de Carballo.
Polos de emprendemento
Así mesmo, a Xunta está a despregar por toda a xeografía galega a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, centros de referencia onde se localizan as actividades onde hai oportunidades de negocio na contorna, ao tempo que se apoia o proceso de posta en marcha da idea empresarial, de principio a fin.
O de Coristanco, que foi o primeiro en operar na provincia da Coruña, está a prestar servizo e apoio desde o pasado ano aos 29 concellos que conforman as comarcas da Barcala, Barbanza, Bergantiños, Fisterra, Muros, Noia, Terra de Soneira e Xallas.
Cos polos, Lorenzana insistiu en que a Xunta de Galicia ofrece unha rede unificada e coordinada, conformada por titores que acompañan desde o comezo e durante cada etapa ás persoas que inician a súa andaina empresarial, para que sexan quen de emprender en condicións de seguridade e para garantir que os seus negocios medren e se consoliden no tempo.