A Intelixencia Emocional: unha aliada para o éxito financieiro

Compartir

A intelixencia emocional proporciona habilidades para recoñecer, comprender e xestionar as emocións. O que tradicionalmente se asocia coas interaccións persoais ou profesionais estende a súa influencia alén disto, chegando ate o mundo das finanzas.

 

Nunha era na que a planificación financeira é un hábito pouco común, moitas persoas gastan o seu diñeiro sen obxectivos claros e predefinidos, o que acaba sendo un factor de vulnerabilidade, que se agrava en contextos de crise económica. Neste eido, a intelixencia emocional emerxe como unha ferramenta esencial para desenvolver unha economía saudable e próspera. As persoas expertas na materia revelan que as emocións poden minar a estabilidade financeira a nivel individual, familiar e empresarial, o que dificulta unha relación positiva cos cartos.

 

O prestixioso psicólogo e escritor estadounidense Daniel Goleman definiu a intelixencia emocional como a capacidade de recoñecer, comprender e xestionar as emocións, creando motivación interna e xestionando relacións interpersoais. Mais de que xeito se relaciona isto coas finanzas persoais?

 

Valeria Laconich, experta en intelixencia emocional financeira, argumenta que «desenvolver a intelixencia emocional financeira é un elemento chave para identificar as emocións en relación co diñeiro e coa xestión das finanzas». A fusión entre o coñecemento propio, o recoñecemento das emocións, os talentos, os medos e os propósitos é fundamental para manter unha relación saudable co diñeiro. As finanzas requiren de xeración e xestión para transformarse nun recurso que permita desenvolver o estilo de vida que cada persoa escolle, en harmonía coa súa verdadeira esencia. O obxectivo é achegar as expectativas á realidade da vida cotiá.

 

Cómpre advertir sobre as consecuencias de tomar decisións financeiras impulsadas polas emocións, coa ameaza de que as segundas distorsionen as primeiras. O medo inxustificado ao descoñecido conduce a decisións financeiras condicionadas, o que, a longo prazo pode provocar perdas innecesarias. Pola contra, a adrenalina do risco financeiro converte algunhas persoas en adictas, o que dá como resultado a toma de decisións impulsivas e a deriva en perdas financeiras que poden chegar a ser importantes.

 

Aforrar, vivir e xestionar dentro dos medios dispoñibles son ferramentas fundamentais para acadar a liberdade financeira. Pola contra, mercar de xeito superfluo e endebedarse para obter luxos inalcanzables é sinónimo de incorrer en riscos financeiros a longo prazo. A arrogancia e o orgullo non funcionan como mecanismos axeitados de xestión e adoitan conducir á trampa dos custes afundidos.

 

Desenvolver a intelixencia emocional financeira permite reducir a fenda entre as expectativas e a realidade. A conexión das emocións e o desenvolvemento dunha relación saudable co diñeiro permiten superar obstáculos e facer que as persoas saian da súa zona de confort para acadar as metas financeiras que se propoñan. As ferramentas que proporciona a formación en intelixencia emocional financeira guían as actuacións cara a un plan integral que contribúe a xestionar as finanzas en consonancia cos obxectivos e obter resultados mellores.

Picture of María Cadaval
María Cadaval

Directora do Curso Experto/a
en Intelixencia Emocional e
Benestar Organizacional, USC.