A Xunta apoia 19 equipos de alta competición femininos no terceiro Plan de patrocinio contra a violencia de xénero
A Xunta apoia 19 equipos de alta competición femininos no terceiro Plan de patrocinio contra a violencia de xénero
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participaron hoxe ante representantes dos clubs galegos beneficiarios na presentación do programa, que contará cunha achega de 217.800€
O Goberno galego leva investidos nas tres edicións do plan case 622.000€
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentaron hoxe o terceiro Plan de patrocinio dos equipos de alta competición femininos de primeiro máximo nivel estatal de Galicia, que contará cunha achega de 217.800 euros para apoiar 19 equipos. Desde a posta en marcha do primeiro plan en 2020, este programa leva destinados case 622.000 euros.
No acto de hoxe tamén participaron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, xunto con representantes dos 19 equipos beneficiarios, entre eles a adestradora e directora técnica do Club de Rugby Arquitectura Técnica (CRAT) da Coruña, que explicou a súa experiencia como deportista e tamén agora á fronte do equipo.
O plan é resultado precisamente da renovación do acordo entre a Vicepresidencia Segunda da Xunta e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que se vén asinando desde 2020 co obxectivo da difusión de campañas específicas contra a violencia de xénero e o fomento da igualdade no deporte.
Nesta edición participarán no plan 6 equipos de balonmán, 5 de fútbol -4 deles de fútbol sala- 3 de baloncesto, 2 de voleibol e teñen representación con cadanseu club outros deportes como o sófbol, o hóckey sobre patíns e o rugby.
Por provincias, a relación de clubs da Coruña é a seguinte: o Club Universitario de Ferrol (Narón), o Club Béisbol e Sófbol Cambre, o R.C. Deportivo, o Hockey Club Liceo de la Coruña, o Club de Rugby Arquitectura Técnica (CRAT) da Coruña, e o Club Instituto Zalaeta de voleibol e tamén da cidade coruñesa.
Da provincia de Lugo estarán representados o Ensino Lugo Club de Baloncesto, o Club Deportivo Burela Fútbol Sala e o Club Emevé de voleibol de Lugo. Pola provincia de Ourense incorpóranse o Ourense Club de Fútbol S.A.D.
Pola súa banda, de Pontevedra figuran os equipos Club Deportivo Bosco de baloncesto de Vigo, o Club Balonmán Porriño e o Porriño B, o Club Balonmán Atlético Guardés, a Asociación Deportiva Carballal tamén de balonmán e de Vigo, a Sociedade Atlética Redondela de balonmán, o Club Balonmán Cañiza, o Club Poio Fútbol Sala e o Marín Futsal.
O deporte, ferramenta a prol da igualdade
Pola súa parte, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade defendeu que o deporte é un instrumento idóneo para poñer en valor a importancia da actividade física “como ferramenta indispensable para a loita pola igualdade e a non violencia de xénero fóra e dentro das canchas”. Nesta liña destacou a rúbrica do manifesto simbólico que no acto realizaron as persoas a título individual e todos os clubs de maneira xeral como compromiso para acadar a verdadeira igualdade, incluíndo a perspectiva de xénero en todas as políticas de xestión, facilitando o acceso e promoción das mulleres no deporte de competición, garantindo a formación en igualdade de oportunidades e fomentando canles seguras de denuncia de todo tipo de violencias.
O Goberno galego leva desenvolvendo nos últimos anos distintas actuacións a prol do deporte galego feminino e o fomento da igualdade. Nesta liña, o ano pasado destináronse 300.000 euros para a iniciativa Reto Galicia Toquío con igualdade na que participaron os representantes galegos nas últimas Olimpíadas coa finalidade de difundir mensaxes como os da Campaña NON contra a violencia de xénero.
Este Plan de patrocinio dos equipos de alta competición femininos de primeiro máximo nivel estatal de Galicia complementa ao Plan de patrocinio publicitario dos equipos de alta competición de Galicia -masculinos, femininos e mixtos- que se volverá renovar en breve e ao que se levan destinados 36 millóns de euros desde 2009 conseguindo que todos os equipos beneficiarios sexan o escaparate perfecto para que o deporte galego sexa un soporte publicitario de gran valor para exportar a imaxe de Galicia.