A Xunta aposta pola captación de talento para un emprego de calidade co foco posto nas microformacións e no emprendemento
A Xunta aposta pola captación de talento para un emprego de calidade co foco posto nas microformacións e no emprendemento
José González expuxo que para a cobertura de vacantes laborais Galicia incide no pulo á empregabilidade dos demandantes reais de emprego e o impulso do Programa de Atracción de Talento.
Lembrou que as mesas de traballo celebradas esta mesma semana con sectores estratéxicos teñen como fin coñecer as súas necesidades específicas de persoal e detectar as carencias do catálogo de postos de difícil cobertura.
Tamén destacou as medidas que desenvolve a comunidade galega para promover a creación de negocio, especialmente no rural, e o traballo que se está a realizar para a elaboración do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, desgranou hoxe as medidas do Goberno galego para a creación de emprego de calidade atendendo ás necesidades do tecido produtivo e ás capacidades das persoas que buscan activamente traballo. Nesta liña, expuxo que a estratexia da Xunta para facer fronte ao reto das vacantes laborais incide na captación de talento co foco posto nas microformacións, no emprendemento e no comercio local.
Así o destacou durante o relatorio Retos do emprego en Galicia co que participou no acto polo 25º aniversario de EGA Consultores, onde felicitou a esta entidade polo seu traballo a prol dos recursos humanos, da formación para o emprego e a captación de talento. Ademais, puxo o foco nas tres grandes áreas que marcan a folla de ruta para a atracción de talento en Galicia.
A primeira está relacionada con potenciar a empregabilidade dos demandantes reais de emprego, e neste campo o conselleiro salientou a modernización do Servizo Público de Emprego coa implantación da ferramenta tecnolóxica EMi, que sincroniza en tempo real a oferta e a demanda de emprego co apoio da intelixencia artificial e que é pioneira en España e en Europa. Nesta liña, González insistiu na necesidade de optimizar as listas do paro e destacou o programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, que permite afinalas para que nelas estean as persoas que realmente demandan traballo.
Neste apartado tamén destacou as microformacións, coas que se define a oferta formativa da man das empresas para atender as competencias que demanda o tecido produtivo e ofrecer unha formación para o emprego eficaz e adaptada ao territorio.
Programa de Atracción de Talento
As outras liñas de traballo prioritarias neste eido están centradas en promover o retorno e incorporación ao mercado laboral da colectividade galega do exterior -con medidas como a Estratexia Galicia Retorna- e de persoas estranxeiras de terceiros países, respectivamente. Sempre, remarcou, a través de accións ordenadas, apoiándose na contratación en orixe e outras vías complementarias e da man das empresas galegas.
Neste marco, o Goberno galego celebrou esta semana en Santiago mesas de traballo do Programa de Atracción de Talento nas empresas galegas, coa participación de distintos sectores. Con elas, especificou o titular de Emprego, Galicia tamén busca coñecer as necesidades específicas de persoal do tecido produtivo e detectar as carencias do catálogo de postos de difícil cobertura.
Emprendemento e comercio local
Dentro do reto da creación do emprego de calidade, o conselleiro salientou a Estratexia Galicia Rexión Emprendedora Europea 2025 para impulsar o emprendemento no rural e a colaboración cos axentes públicos e privados, entre outros aspectos. Un cometido, subliñou, no que Galicia avanza con accións como os encontros do programa Ultreia, realizados en colaboración coas confederacións empresariais das catro provincias galegas. Tamén puxo en valor o labor da Rede de Polos de Emprendemento que conta con 14 centros activos en Galicia e coa que se está a promover a modalidade dos colivings no rural para atraer traballadores de alta cualificación -nómades dixitais-.
Ademais, José González valorou o papel vital do comercio na creación de emprego e lembrou que a Xunta traballa na elaboración do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 co que se busca, entre outros fins, revitalizar esta actividade con medidas como as centradas en impulsar as prazas de abastos e os centros comerciais abertos para consolidalos como máximos referentes dun servizo de proximidade e de calidade.