A Xunta convoca as bolsas para universitarios no Instituto Galego do Consumo e da Competencia para impulsar a súa especialización e inserción laboral

A Xunta convoca as bolsas para universitarios no Instituto Galego do Consumo e da Competencia para impulsar a súa especialización e inserción laboral

  • O DOG vén de publicar a convocatoria de nove bolsas formativas de 10 meses de duración nas sete oficinas do IGCC.

  • Oito das bolsas céntranse nos dereitos das persoas consumidoras e na seguridade dos produtos, mentres a novena aborda a promoción e defensa da competencia.

  • Canto á localización dos bolseiros, tres formaranse na oficina de Santiago e os outros seis nas da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo respectivamente.

  • O obxectivo da Xunta é fomentar a formación práctica en materia de consumo de titulados con licenciatura ou grao, co gallo de impulsar a súa incorporación ao mercado laboral, ao tempo que se avanza na defensa dos consumidores e usuarios.

     

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria 2025 dun total de nove bolsas formativas de 10 meses de duración no Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) co obxectivo de contribuír á formación práctica en materia de consumo de titulados superiores con licenciatura ou grao universitario.

Oito dos bolseiros —que se formarán sobre dereitos dos consumidores e seguridade dos produtos— estarán destinados nas oficinas do IGCC nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela, a onde irán dúas persoas. Mentres, a novena bolsa —en materia de promoción e defensa da competencia—desenvolverase tamén nas dependencias do Instituto en Santiago.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o día 21 de febreiro 2025, excepto para a bolsa de formación en materia de promoción e defensa da competencia, que pechará o prazo o 28 de febreiro.

Detalles das convocatorias

Co convencemento de que a formación é unha das fórmulas máis efectivas de contribuír á defensa e protección da seguridade dos consumidores e usuarios, as bolsas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que se convocarán este ano buscan que persoas cunha titulación universitaria de licenciatura ou grao poidan complementar os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos cunha capacitación práctica que lles permita afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional. Afóndase así na súa formación previa ao acceso á vida laboral co gallo de impulsar a súa entrada no mercado de traballo.

No caso das primeiras oito bolsas en materia de dereitos das persoas consumidoras e seguridade dos produtos, están dirixidas a universitarios no ámbito do dereito. O obxectivo é facilitar a formación directa de futuros profesionais en materia de consumo e nos mecanismos de protección que se desenvolven na Administración e garantir a defensa dos consumidores, así como a formación, información e educación das persoas consumidoras e usuarias.

Canto á bolsa sobre promoción e defensa da competencia, búscase incidir nas materias obxecto da actividade da Comisión Galega da Competencia como a promoción e defensa da competencia e nos mecanismos de protección do correcto funcionamento do mercado existentes coa finalidade última de promover a liberdade de empresa no marco da economía de mercado.

Cómpre engadir que a formación a través destas bolsas compleméntase coa que achega a Escola Galega de Consumo a toda a cidadanía. Integrada no Instituto Galego do Consumo e da Competencia, esta entidade forma cada ano máis de 20.000 persoas de todas as idades, con preto de 700 actuacións.

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia

O impulso destas bolsas formativas enmárcase no labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que se vén caracterizando desde a súa constitución hai 30 anos pola simplificación administrativa, pola gratuidade e pola eficacia na resolución dos conflitos en materia de consumo. A cidadanía ten á súa disposición o Instituto a través das súas oficinas de atención presencial nas sete principais cidades galegas, vía web ou no teléfono gratuíto 900 23 11 23, que funciona de 9,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 19,00 horas de luns a venres para ofrecer información e asesoramento en materia de consumo.

Cómpre engadir que o IGCC verase reforzado este ano cun orzamento de 7,4 millóns de euros para continuar garantindo a defensa dos intereses das persoas consumidoras e usuarias.