A Xunta destaca en Edugal o valor da ferramenta Emi para a cobertura de vacantes no mercado laboral

A Xunta destaca en Edugal o valor da ferramenta Emi para a cobertura de vacantes no mercado laboral

  • A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego participou na charla Emprego Intelixente (EMi): A intelixencia artificial aplicada á busca de emprego, unha das actividades de Edugal 2024, o XIII Salón de Educación e Formación en Galicia.

     
  • Expuxo que este software é pioneiro en España e en Europa e ten como fin casar oferta e demanda no mercado laboral e atender as persoas que están buscando activamente traballo ou mellorar o seu emprego actual.

  • Especificou que permitirá realizar o perfilado competencial de ata 70.000 persoas nun ano, o que facilitará a súa empregabilidade e abordar a escaseza de man de obra.

  • Tamén se referiu á aposta do Goberno galego polas microformacións para atender as necesidades das empresas galegas e favorecer a súa competitividade e ao programa de atracción de talento.

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou na charla Emprego Intelixente (EMi): A intelixencia artificial aplicada á busca de emprego, enmarcada nas actividades de Edugal, 13º Salón da oferta de educación e formación de Galicia. Alí puxo de relevo que esta ferramenta, dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia, é pioneira en España e en Europa e ten como fin casar oferta e demanda no mercado laboral e atender as persoas que están buscando activamente traballo ou mellorar o seu emprego actual, contribuíndo a abordar a escaseza de man de obra. 

Ademais, Zeltia Lado especificou que este software permitirá realizar nun ano o perfilado competencial de 70.000 persoas e foi presentado pola Xunta ao Goberno central co obxectivo de propoñer a súa posible aplicación noutras comunidades autónomas. Entre as vantaxes que ofrece e que expuxo a directora, está a de relacionar todas as características e competencias da persoa demandante de emprego con datos avanzados do mercado laboral e detectar sectores emerxentes de emprego e empresas que están contratando en cada unha das ocupacións. 

Tamén detecta carencias competenciais en cada localidade, o que facilita a programación de accións formativas adaptadas ás necesidades de cada unha. A maiores, engadiu que esta ferramenta pode prever o comportamento laboral de cada comarca e de cada ocupación referida aos seus próximos meses, o que permite adiantarse ás necesidades das empresas.

Estratexia para a cobertura de vacantes

O software EMi forma parte da modernización do Servizo Público de Emprego, que leva a cabo a Xunta dentro da súa estratexia de para cubrir vacantes no mercado laboral e na que tamén se enmarca o impulso ás microformacións e o programa pioneiro de atracción de talento que abrangue a aposta por facilitar a volta dos galegos da diáspora que así o desexen co Programa Retorna Cualifica Emprego e a captación de talento estranxeiro de terceiros países, sempre dun xeito ordenado e da man das empresas galegas a través de ferramentas coma a contratación en orixe, entre outras medidas. 

En Edugal a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración conta cun posto no que se ofreceron charlas sobre como elaborar un currículum vítae ou sobre como preparar unha entrevista de traballo, ademais de prestarse información sobre a ferramenta EMi ou sobre a Rede de polos de emprendemento