A Xunta incorpora simuladores de entrevistas de traballo con intelixencia artificial ao proceso de orientación laboral do Servizo Público de Emprego

A Xunta incorpora simuladores de entrevistas de traballo con intelixencia artificial ao proceso de orientación laboral do Servizo Público de Emprego

  • José González comprobou o funcionamento desta nova ferramenta, en fase piloto, que se integra no itinerario personalizado de inserción e permite ás persoas demandantes de emprego adestrar as súas competencias nunha contorna segura
  • O informe xerado tras a simulación, coas fortalezas e os aspectos susceptibles de mellora, é posteriormente analizado e traballado xunto co persoal orientador para determinar as áreas nas que cómpre incidir
  • O simulador, actualmente dispoñible en 17 das 54 oficinas do SPEG, permite ser personalizado en función das características de cada perfil profesional e beneficiará este ano arredor de 600 persoas
  • A actuación súmase a outras medidas como a próxima aplicación móbil de EMi, as novidades introducidas na Oficina Virtual de Emprego ou a recente implantación de caixeiros autoservizo para os trámites máis habituais

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou esta mañá a oficina de emprego de Ourense Centro para poñer en valor a incorporación ao Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) de novos simuladores de entrevistas de traballo baseados en intelixencia artificial.

Esta nova ferramenta, actualmente en fase piloto, permite ás persoas demandantes de emprego practicar entrevistas nunha contorna segura e similar á dun proceso real, a través dun avatar que formula preguntas e facilita o adestramento de competencias como a comunicación, a argumentación da experiencia profesional ou a presentación do perfil profesional. Ao finalizar a simulación, o sistema xera un informe coas fortalezas identificadas e os aspectos susceptibles de mellora, que posteriormente son traballados coa orientadora ou o orientador laboral.

A ferramenta non substitúe en ningún caso o labor dos profesionais, senón que se integra no itinerario personalizado de inserción laboral deseñado para as persoas que buscan emprego. De feito, é o persoal orientador quen determina cando resulta conveniente empregala, adapta a simulación ás necesidades de cada perfil e acompaña o proceso posterior para garantir que esta práctica resulte realmente eficaz. Os simuladores están xa dispoñibles en 17 das 54 oficinas de emprego de Galicia e a previsión é que este ano se beneficien deles arredor de 600 persoas.

A actuación enmárcase na modernización do SPEG, que conta este ano cun orzamento de 8 M€ e no que se están incorporando novas ferramentas para ofrecer unha atención máis áxil, personalizada e eficaz.

Neste marco, a Xunta terá operativa tamén neste segundo semestre a aplicación móbil de EMi, a ferramenta de intelixencia artificial que xa permitiu realizar máis de 118.000 perfilados competenciais. Entre as novidades, a aplicación permitirá realizar perfilados propios, consultar información sobre o mercado laboral do concello, comarca ou provincia de interese, acceder ás ofertas de emprego e cursos dispoñibles e utilizar un xerador de currículos baseado en IA. Este xerador adaptará o currículo ás distintas ocupacións a partir das competencias reais de cada persoa, ordenando e traducindo a súa experiencia á linguaxe coa que se describen os postos de traballo, co obxectivo de facilitar a adecuación do seu perfil ás ofertas.

A isto súmanse tamén as melloras introducidas na Oficina Virtual de Emprego, que permiten realizar novos trámites e comunicarse directamente coa oficina, así como os caixeiros de autoservizo xa implantados nas 54 oficinas do SPEG para facilitar as xestións máis habituais, reducir a carga administrativa e reforzar o labor do persoal técnico. Estes dispositivos chegarán tamén progresivamente aos concellos rurais co obxectivo de achegar os servizos de emprego á cidadanía destas contornas.