A Xunta pon en valor o programa piloto desenvolvido con EAPN Galicia que permitiu mellorar a empregabilidade de 600 persoas en exclusión social
A Xunta pon en valor o programa piloto desenvolvido con EAPN Galicia que permitiu mellorar a empregabilidade de 600 persoas en exclusión social
O secretario xeral técnico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Alberto Fuentes, e o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participaron nun simposio no que EAPN Galicia fixo balance da iniciativa e aplaudiu o case 40 % de inserción laboral acadada.
A atención individualizada a persoas con dificultades para acceder ao mercado laboral ordinario foi unha das claves do éxito.
Fuentes referendou o compromiso da Xunta co emprego inclusivo a través das fórmulas da economía social e da colaboración co Terceiro Sector.
Parrado lembrou que o Goberno galego incrementará o vindeiro ano 2024 o orzamento destinado á inclusión social ata os 153 millóns de euros e agradeceu a EAPN-Galicia o seu traballo diario nesta materia
O secretario xeral técnico da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Alberto Fuentes, puxo hoxe en valor a colaboración deste departamento coa Rede Galega contra a Pobreza-EAPN Galicia, que permitiu desenvolver en 2022 e 2023 un programa piloto que implicou a catorce entidades do Terceiro Sector. A iniciativa permitiu mellorar a empregabilidade de máis de 600 persoas en situación ou en risco de exclusión social. Fuentes acudiu ao Simposio A inclusión sociolaboral das persoas vulnerabilizadas organizado por EAPN, onde se fixo balance desta iniciativa de éxito impulsada pola Xunta, acompañado do director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.
O secretario xeral técnico incidiu na “boa acollida” do programa piloto para a empregabilidade de persoas vulnerables, desenvolvido no marco dun convenio asinado entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e EAPN, cunha dotación económica de 2,1 millóns de euros. Entre os seus fitos, Fuentes subliñou que a iniciativa conseguiu chegar a 600 persoas nestes dous anos e duplicou os obxectivos de inserción, pasando do 20 % inicialmente comprometido a rozar o 40 %.
Parte do éxito radicou no traballo en rede pola inclusión socio laboral e no enfoque integral da iniciativa, que atendeu de xeito individualizado a cada unha das persoas, destacou Fuentes.
O representante da Consellería lembrou que as políticas de emprego inclusivo que promove a Xunta de Galicia “queren facilitar ás persoas con dificultades, nomeadamente ás que teñen risco ou se atopan en exclusión social, as ferramentas necesarias para que conten con máis e mellores oportunidades”. Trátase, como indicou, de darlles motivacións e as competencias e capacidades cara a súa incorporación no mercado ordinario.
Non menos importante é para a Xunta poder dispor do Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral de persoas vulnerabilizadas, deseñado tamén coa colaboración con EAPN. “Aplaudimos a exhaustividade deste traballo elaborado durante o período de execución do programa, que nos achega información valiosa para continuar avanzando por esta senda, afirmou Fuentes.
O secretario xeral técnico de Promoción do Emprego mostrouse partidario, noutro eido de cousas, por seguir a impulsar os modelos “inclusivos” que promove a economía social por situar ás persoas no centro, antepoñendo os beneficios sociais e colectivos á rendibilidade financeira e pola súa aposta “pola igualdade de oportunidades e pola inserción de persoas en risco de exclusión”.
O acceso ao emprego é un piar fundamentan do compromiso da Xunta coa igualdade e a xustiza social. “A inclusión laboral fomenta unha sociedade máis xusta, onde todos os cidadáns teñen a oportunidade de prosperar e contribuír ao benestar”, rematou Alberto Fuentes, quen tendeu a man a seguir a colaborar co Terceiro Sector para avanzar no emprego das persoas que enfrontan maiores dificultades.
Increméntase o orzamento en inclusión
Pola súa banda, o director xeral de Inclusión Social lembrou que o Goberno galego confía nas entidades do terceiro sector para impulsar medidas que beneficien ás persoas en risco de exclusión. Neste sentido, agradeceu a EAPN-Galicia o seu esforzo diario por ofrecer ás persoas máis vulnerables da nosa sociedade unha segunda oportunidade.
Así mesmo, Arturo Parrado sinalou que a Xunta de Galicia reforará o vindeiro ano 2024 os seus orzamentos en materia de inclusión social. Concretamente, as contas do Executivo autonómica incrementaranse nun 3 % o vindeiro exercicio ata acadar os 153 millóns de euros. Uns fondos que teñen como obxectivo estar ao carón de todas aquelas persoas que precisan “dun impulso para seguir adiante”, remarcou.