Agustín Reguera destaca o gran traballo levado a cabo polo alumnado do obradoiro de emprego dual da Xunta en Caldas

Agustín Reguera destaca o gran traballo levado a cabo polo alumnado do obradoiro de emprego dual da Xunta en Caldas

  • O delegado territorial da Xunta en Pontevedra puxo en valor que os obradoiros de emprego duais combinan a formación teórica coas prácticas remuneradas.
  • O alumnado levou a cabo un importante traballo de mellora e acondicionamento da contorna da Fervenza de Segade e da Fonte de Bemil.

     

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego dual financiado pola Xunta con máis de medio millón de euros no concello de Caldas de Reis. 

Neste obradoiro, que tivo unha duración aproximada dun ano, participaron un total de 20 alumnos e alumnas que se dividiron entre as especialidades de Albanelería e Xardinería e forestal.  

O alumnado puido aprender da man de profesionais do sector as técnicas e habilidades necesarias para levar a cabo estas actividades tan demandadas no mercado laboral. Ademais, cabe destacar que os obradoiros de emprego duais combinan a formación teórica coas prácticas remuneradas. Estas prácticas levaron aos participantes a realizar obras e traballos para o seu concello que beneficiaron directamente os seus veciños.  

Así, entre outras actuacións, o alumnado traballou na reparación paisaxística das sendas da antiga central hidroeléctrica e da contorna da Fervenza de Segade. Recuperaron os camiños, acondicionaron o bosque e consolidaron os elementos patrimoniais para permitir un uso seguro deste lugar tan singular. Tamén se realizaron traballos de recuperación na Fonte de Bemil. 

Os bos resultados obtidos chamaron a atención de varias empresas que se interesaron polos participantes, tanto é así que varios alumnos rematan o obradoiro de emprego dual cun contrato laboral. Tamén hai alumnado que decidiu apostar por seguir formándose nestas áreas.  

O delegado territorial utilizou a súa intervención no acto de clausura para felicitar a todos os alumnos polo seu empeño e seriedade e fixo unha mención especial aos traballos desenvolvidos na contorna da Fervenza de Segade que “é un espazo de gran relevancia para este concello e polo que cada ano pasan millares de persoas”. Ademais quixo destacar o gran impacto destes obradoiros e “o aforro que supoñen para os concellos onde se levan a cabo”. 

Reguera aproveitou para lembrar que este ano vanse levar a cabo máis dunha decena de novos obradoiros nos concellos da Área Territorial de Pontevedra, por un investimento de preto de 7 millóns de euros.