Cando a conciliación e a intelixencia emocional van da man
Compartir
As máquinas están chamadas a substituírnos en boa parte dos actuais traballos. Empezaremos por aqueles máis rutineiros, manuais e repetitivos e iremos avanzando cara a outras tarefas, co que algúns postos e mesmo profesións desaparecerán. Aínda que isto tampouco é novo (pois xa non hai fareiros nin serenos e, en moitas estacións, o tren pasa sen necesidade de xefes de estación), nalgo o ser humano será sempre insubstituíble: a capacidade de tomar decisións con empatía, tendo en conta todo o abano emocional que existe nas outras persoas coas que nos relacionamos e interaccionamos, e todo iso dentro dun marco ético xeralmente aceptado que, pola súa vez, será elaborado e revisado por persoas.
De feito, entre as competencias máis destacadas para os líderes recollidas no estudo «Novos líderes para o século XXI» realizado pola prestixiosa organización HR Grapevine, aparecen aquelas denominadas soft e que gardan relación coa capacidade do ser humano para actuar non só baseándose en algoritmos e criterios obxectivos senón poñendo por encima as características máis emocionais das persoas. Algunhas delas son: a capacidade de influencia en contornas virtuais, a comunicación asertiva, o razoamento abductivo, a humildade intelectual, o desenvolvemento de persoas, a resiliencia, o pensamento estratéxico, a intelixencia cros-xeracional, o espírito emprendedor, a flexibilidade… todas elas difíciles de asumir para a intelixencia artificial.
De entre estas competencias hai unha, no meu entender, moi significativa que en ocasións recibe o nome de arquitectura de lealdades, mais que a min me gusta denominar liderado pro-conciliación, e que podería definirse como a habilidade dun líder para coñecer as distintas necesidades, expectativas e motivacións das persoas do seu equipo para, desta forma, ofrecerlles respostas de valor diferencial aliñadas co vínculo emocional. En definitiva, liderar con humanismo e respecto o ser humano e as súas contornas máis esenciais como a familia.
Porque, en definitiva, que é conciliar? Trátase de dar unha resposta desde as organizacións para que as persoas poidan vivir con plenitude sen que iso afecte negativamente o negocio ou actividade. A realidade reflicte que son moitos os axustes, as propostas e os cambios que na organización do traballo se poden levar a cabo utilizando a flexibilidade como ferramenta e o humanismo como norte e estratexia.
Desde a nosa experiencia na xestión de persoas, que se materializa co certificado efr de conciliación e flexibilidade que xa posúen máis de mil entidades en todo o mundo, estamos a observar unha auténtica revolución: como grandes compañías, pero tamén pequenas e micro organizacións, están a liderar as persoas e os equipos desde outra perspectiva, baseada na confianza e o compromiso mutuo, a orientación ao logro e ao resultado e non á presenza. En definitiva, redeseñando a relación laboral facéndoa máis flexible, pero tamén máis humana, poñendo a persoa no centro das súas decisións. Son máis de 1.000 as organizacións que contan coa nosa certificación e recoñecemento. Este proceso de colaboración público-privada conta co valioso apoio da Xunta de Galicia.
Precisamos que a intelixencia artificial e a robótica sexan aliadas das persoas, aumentando a nosa produtividade, para poder conciliar máis e mellor, e con iso poder centrarnos naquilo no que seguiremos sendo insubstituíbles e espero que por tempo indefinido: a intelixencia emocional.
Roberto Martínez
Director Fundación Másfamilia