Como fomentar a linguaxe inclusiva e non discriminatoria dentro da túa empresa

Compartir

A linguaxe é un dos principais elementos referidos á socialización, proceso a través do cal construímos a nosa identidade e modificamos a realidade que nos rodea. Comunicámonos tanto verbalmente como de xeito non verbal, transmitindo o que sentimos ou o que pensamos, aínda que sexa inconsciente.

Cabe resaltar que a linguaxe é unha construción social e histórica que inflúe na nosa percepción da realidade, ten a capacidade de transmitir valores e crear relacións sociais. É, polo tanto, un reflexo da sociedade e unha ferramenta para o coñecemento e a comunicación. Entendendo isto, sabemos que a linguaxe é un dos elementos principais para a inclusión social de todas as persoas e en cada momento que nos comunicamos estamos a crear ou modificar a realidade de forma positiva ou negativa.

Como norma xeral, tendemos a que a linguaxe marque a diversidade, noméase aquelo que en ocasións é menos frecuente e dáselle unha connotación negativa, provocando a creación dun imaxinario propio sobre as características de certos grupos sociais. Por exemplo, adoitamos dicir «persoa con discapacidade» (sendo este un termo totalmente inclusivo e válido) pero nunca «persoa sen discapacidade».

Para poder aplicar unha linguaxe inclusiva e non discriminatoria dentro do ámbito laboral, así como para calquera outro ámbito da nosa vida cotiá, primeiro temos que saber que a linguaxe inclusiva é o conxunto de propostas que busca a toda a poboación, sen excepcións, sen discriminar, englobando todas as realidades que existen, liberando a comunicación de estereotipos e prexuízos e fomentando o trato igualitario; coa certeza engadida de que a

linguaxe inclusiva vai moito máis alá da linguaxe non sexista ou do emprego da vogal «e» ao final das palabras.

Por todo o anterior, existen unha serie de fórmulas básicas, entre outras moitas, e recomendacións que podemos aplicar dentro da nosa empresa, tanto na comunicación verbal coma escrita:

  • Desterrar o masculino xenérico, evitando o seu uso cando é posible empregar os diferentes recursos que a nosa propia lingua nos dá.
  • Facer uso de fórmulas xenéricas, incluíndo homes e mulleres por igual (persoa, cadro de persoal, equipo técnico, persoal de X, entre outras).
  • Usar abstractos para facer referencia á función laboral, cargo ou responsabilidade dentro da empresa: dirección, xestión, gabinete técnico, etc.
  • Evitar o uso do arroba «@», xa que resulta un problema para as persoas con discapacidade visual que empregan dispositivos de axuda á lectura, así como para persoas que precisan de lectura fácil.
  • Non abusar dos desdobramentos (exemplo: traballadores e traballadoras ou técnicos e técnicas), debido a que poden facer que se perda o fío da mensaxe.
  • Limitar o uso da barra «/» soamente a formularios e impresos e cando sexa preciso por falta de espazo.

Empregar unha linguaxe inclusiva é, en definitiva, falar con propiedade; non é unha quimera que supón modificar o noso xeito de comunicarnos senón que se trata de incluír todas as persoas por igual aproveitando as ferramentas que o noso léxico pon á nosa disposición, respectando a integridade individual de cada persoa que nos rodea.

Unha empresa que usa e promove a linguaxe inclusiva é unha entidade cun valor engadido que dá un paso firme no compromiso co seu equipo, empresas provedoras e clientela para rachar coa exclusión e discriminación.

Picture of ACADAR
ACADAR

Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia.