Consecuencias da pandemia na saúde laboral
Compartir
As consecuencias da pandemia da COVID-19 afectan a unha gran cantidade de poboación, non só pola propia enfermidade, senón polas secuelas posteriores a nivel físico, mental, social e laboral.
A nivel de afectación da saúde mental no mundo laboral temos que destacar que, xa no ano 2010, antes da pandemia, a Organización Internacional do Traballo (OIT) incluíra os trastornos mentais e do comportamento na súa listaxe de enfermidades profesionais e a OMS a síndrome do traballador queimado como un problema asociado ao emprego. Segundo as dúas organizacións, estímanse unhas perdas de máis de 12.000 millóns de días de traballo debido á depresión e á ansiedade, que se poden traducir nun gasto económico de billóns de euros a nivel mundial.
No ano 2020, o Consello Xeral de Psicoloxía calculaba sobre dez millóns os españois en risco de presentar problemas psicolóxicos derivados da pandemia. Estas persoas poderían presentar síntomas relacionados con medos, ansiedade, tristeza, adiccións, distorsións cognitivas, ideación suicida e baixa motivación. Se a isto sumamos as novas formas de traballar, sobrecarga, inseguridade laboral, perda de emprego e exposición ao sufrimento alleo, achegámonos a uns niveis de fatiga que, aínda no mellor dos casos, afectarán ao rendemento laboral e mesmo ao abandono do emprego.
En marzo de 2022, un informe da OMS sobre a prevalencia da ansiedade e da depresión mostra un aumento do 25 % en todo o mundo, indicando que «só é a punta do iceberg». Entre os factores causantes do aumento de ansiedade e depresión estaría a tensión ocasionada polo illamento debido á pandemia, soidade, preocupacións económicas e cansazo. O devandito informe manifesta que os efectos da pandemia quedaron patentes na saúde mental dos mozos, subliñando o risco de suicidio ou comportamentos autodestrutivos que afecta desproporcionadamente a este grupo de idade e que será a nosa forza laboral do futuro.
Como se indicaba con anterioridade, a saúde mental dos traballadores empeorou dende a pandemia, presentando notables dificultades na xestión do estrés e fobias que derivan en problemas de ansiedade e depresión. En España, segundo datos do INE, un 40 % dos traballadores e máis da metade dos empresarios confesan sufrir estrés, primeiro problema de saúde mental e segundo problema de saúde xeral máis frecuente na contorna laboral tras os trastornos musculoesqueléticos. Temos que ter en conta que estes problemas levan asociados efectos físicos e emocionais que repercutirán no ámbito laboral a nivel de absentismo, rendemento e produtividade, de aí a importancia de prestar atención a factores psicosociais e organizativos para aumentar a seguridade e saúde dos traballadores e previr secuelas.
Mª Teresa Hermo López
Psicóloga sanitaria e profesora de Psicoloxía do Traballo na Escola de Relacións Laborais e Recursos Humanos de Lugo