Descubre a contorna BANI e sácalle partido!
Compartir
Brittle, anxious, non-linear and incomprehensible ou, o que é o mesmo, quebradizo, ansioso, non lineal e incomprensible. Catro palabras que definen á perfección o contexto actual no que profesionais e empresas deben aprender a desenvolver a súa actividade. Un contexto derivado da pandemia mundial vivida en 2020 e que se ve salientado polos múltiples cambios que a robotización, a intelixencia artificial, os cambios sociais, económicos e políticos ou os novos hábitos de consumo traen consigo.
Mais, como nos afecta a contorna BANI? Neste sentido, son varios os elementos que teñen impacto directo sobre nós e que debemos ser capaces de identificar para poder traballar:
- Vivimos en contornas de alta fraxilidade onde nada é o que parece e moitas organizacións evidenciaron ter carencias importantes que poñen en risco a súa viabilidade.
- A incerteza constante sobre o futuro é unha fonte de medo e ansiedade que pode levar a que profesionais e empresas tomen decisións pouco acertadas.
- A relación entre causa e efecto non existe e isto xéranos inestabilidade porque estamos afeitos a que cada acción teña unha reacción que normalmente previmos e controlamos.
- A pesar de que vivimos nun mundo con enormes cantidades de información e datos, o cal podería traducirse nunha mellor comprensión do que sucede, isto non sempre é así, acrecentado á incerteza, a inestabilidade e a falta dun horizonte claro sobre o noso futuro profesional e proxectos.
Todo o anterior lévanos a reflexionar sobre a necesidade de reformular os vellos padróns cos que viñamos traballando co fin de poñer en marcha unha nova forma de entender o mercado laboral e a empresa. Sacar partido a este novo contexto pasa, polo tanto, por entender e reorientar determinados elementos que podemos resumir nas seguintes tres ideas:
- Aproveitar os altos niveis de incerteza para desenvolver novas formulacións disruptivas e pouco convencionais que poidan dar solución aos múltiples escenarios aos que nos enfrontamos na actualidade e que están moi lonxe dos contextos tradicionais. CREATIVIDADE e INNOVACIÓN como principal ferramenta.
- Salientar a MELLORA CONTINUA. Se temos en conta que os períodos de creación, desenvolvemento e madurez dos proxectos se acurtaron con respecto a outros momentos da historia, resulta clave poñer o foco na mellora continua que nos axude a estar sempre á vangarda con respecto aos nosos competidores, sendo capaces de xerar valor real para os clientes, mais tamén para nós mesmos.
- Debemos ser capaces de EQUIVOCARNOS RÁPIDO E BARATO, é dicir, incorrendo no menor custo de tempo e diñeiro posible. Entender que os erros son necesarios e nos axudar a medrar, mais non deixando de lado que nun contexto tan veloz como o actual unha afiada capacidade de reacción pode marcar a diferenza entre o éxito e o fracaso.
En definitiva, avanzar e crecer é comezar de novo tras cada fochanca do camiño, e nese proceso de crecemento e desenvolvemento resulta vital comprender como BANI cambiou as cousas e o máis importante, poñer en marcha os nosos propios recursos para facer fronte a esta nova realidade coas maiores garantías de éxito.
Alejandro Durán
Profesional dos recursos humanos e o desenvolvemento de persoas e equipos.