Emprender: Unha lección de vida na incerteza

Compartir

Fai agora 20 anos, comezaba o ano máis relevante para a miña carreira profesional e persoal. Eu era un estudante predoutoral de Física, a piques de rematar a miña tese (que lin ese mesmo mes de xullo), pero xa tiña tomada a decisión de deixar a carreira investigadora e embarcarme nun proxecto emprendedor no sector tecnolóxico.

A razón principal detrás desta decisión era que a universidade, naquel momento, non ofrecía o ambiente dinámico que eu buscaba, unha contorna que me permitise facer cousas e tentar influír na sociedade dun xeito particular. Con cada ano que pasaba, ía descubrindo máis sobre o emprendemento tecnolóxico e quedaba fascinado coa idea de crear valor  desde tan pouco (tan só un ordenador e unha conexión a Internet). Este foi o impulso fundamental para dar vida a Galinus Taller de Novos Medios, a miña primeira (e máis valiosa) experiencia como emprendedor.

Se algo aprendín nesta travesía con Galinus foron dúas cuestións clave:

  • Para emprender, debes estar en posición de facelo. Nese momento, non tiña cargas familiares nin hipotecas que me ataran, e a miña parella (que hoxe é a miña muller) tiña un salario fixo que nos permitía vivir con comodidade, aínda que eu non ingresase. Isto fixo posible sacar adiante o proxecto sen demasiado sufrimento persoal.
  • A incerteza é un compañeiro inseparable do emprendemento, especialmente en iniciativas innovadoras, e a maioría de nós temos serias dificultades para xestionala. Eu tardei moito tempo en comprender por que sentía esa angustia nos primeiros anos, cando nada parecía seguro e todo o que construíamos podía cambiar nun abrir e pechar de ollos. Co tempo, comprendín que esta incerteza era parte inherente do emprendemento e debín aprender a xestionala.

As ensinanzas máis valiosas (e dolorosas) que Galinus me proporcionou foron durante o proceso de peche, desde a toma de decisión ata a xestión das consecuencias. Por un lado, agradecín enormemente ter as condicións que mencionaba anteriormente, o que fixo que o peche da empresa non supuxese un problema económico ou familiar que nos afectase de por vida.

Por outro lado, e quizais sexa o máis relevante, aprendín a aceptar con humildade que o noso destino non está completamente nas nosas mans. Esta lección axudoume a valorar de xeito máis realista o meu propio poder como emprendedor (e como persoa) e a comprender que hai circunstancias que escapan ao noso control.

Sempre estarei a favor do emprendemento como unha forma de ver a vida e contribuír á sociedade, ademais de ser un camiño fascinante de coñecemento. Non obstante, coñezo numerosos casos de emprendedores que viviron auténticas desgrazas por non teren en conta estas dúas cuestións. Hai que ter sempre un plan B. Debemos ser moi conscientes de que, ao montar un novo negocio, especialmente unha startup tecnolóxica, hai moitas posibilidades de que as cousas non saian como esperamos, fagamos o que fagamos.

O complexo é ser capaz de avaliar con seriedade estes aspectos cando se está nas primeiras fases do emprendemento, cando todo parece posible e emocionante.

Por iso, o que eu che recomendo que fagas se queres emprender é que coñezas a emprendedores que xa o tentaran, aos que lles fora ben e mal, e que fales con eles de maneira franca sobre o teu proxecto e os teus medos. Eles non van ter «a resposta», pero vante axudar a que ti chegues a ela.

Picture of Daniel Cerqueiro
Daniel Cerqueiro

CMO en «Docuten».