Galicia comeza 2025 coa cifra de paro máis baixa desde que hai rexistros e con 1.067.089 persoas afiliadas á seguridade social, o mellor xaneiro desde hai 16 anos

Galicia comeza 2025 coa cifra de paro máis baixa desde que hai rexistros e con 1.067.089 persoas afiliadas á seguridade social, o mellor xaneiro desde hai 16 anos

  • A comunidade suma a 46ª caída interanual do paro consecutiva e a cifra de desempregados (121.320) —o mellor xaneiro desde 1996— sitúaa como a 4ª CCAA con maior porcentaxe de caída no último ano, máis dun punto por riba da media española.
  • O paro diminuíu no último ano nas catro provincias, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade e entre os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración, neste último caso coa cifra máis baixa desde novembro de 2008.

  • As actividades económicas nas que máis están a descender as cifras de desemprego son o sector primario, a construción e a industria.

  • Tocante ás contratacións, a modalidade indefinida increméntase en máis de dez puntos por riba da media estatal.

     

Galicia comeza 2025 con 121.320 persoas no paro, a cifra máis baixa nun mes de xaneiro desde que hai rexistros (1996), e acumula 16.559 novas afiliacións á Seguridade Social en relación con xaneiro de 2024, acadando, con 1.067.089 cotizantes, o mellor dato neste mes desde hai 16 anos. O dato de persoas desempregadas sitúanos ademais como a cuarta Comunidade con maior porcentaxe de caída no último ano, máis dun punto por riba da media española. Así o destacou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, durante a valoración dos datos de paro e de afiliacións do pasado mes de xaneiro.

En relación coa comparativa interanual, José González salientou que o desemprego cae nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades e en todos os colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta como os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración. Así, a cifra de desempregados con menos de 30 anos (13.909) é a de mulleres (70.083) son as máis baixas nun xaneiro de toda a serie histórica (desde 2005). Canto ao dato de parados de longa duración (59.604), cae un -7,04 % con respecto a hai un ano, mellorando o dato de novembro de 2008. 

Xaneiro reflicte, así mesmo, que Galicia segue afianzando o seu mercado laboral pivotando sobre sectores estratéxicos clave. As actividades económicas nas que máis está a descender o paro, de xeito sostido no tempo, son o sector primario, a construción e a industria, na mesma liña dos datos que tamén reflicte a última enquisa da EPA publicada hai uns días. Tamén destacan outros eidos que está a ser xeradores de emprego, como a educación, as actividades sanitarias ou a hostalaría.

Canto ás afiliacións á Seguridade Social, o titular de Emprego salientou que Galicia pechou o mellor mes de xaneiro desde 2009, acadando os 1.067.089 cotizantes que supoñen un aumento con respecto a hai un ano dun 1,58 % (16.559 novas afiliacións).

Sobre a contratación, o conselleiro sinalou que aínda que descende lixeiramente canto ao mes de decembro —un comportamento habitual neste mes do ano debido á finalización da campaña de Nadal— aumentan nun 26,49 % as contratacións indefinidas, máis de dez puntos por riba da media estatal.

Atendendo á evolución dos datos, o conselleiro concluíu que esta tendencia positiva reflicte que Galicia medra a un ritmo conxunto, sen deixar a ningún colectivo atrás e dando resposta ás necesidades que hoxe ten o tecido produtivo, diversificando ás áreas e xeración de emprego. Nesta liña, comprometeu o traballo da Xunta da man do empresariado e tecido produtivo galego de cara a seguir avanzando nun mercado laboral dinámico, inclusivo e de máxima calidade.