Liderado remoto

Compartir

Liderar sen presencialidade converteuse, duns anos a esta parte, nun dos maiores desafíos para a maioría dos líderes e responsables de equipo, sobre todo para aqueles profesionais da Xeración X que hai xa tempo cumpriron a corentena.

Unha vez que xa vemos ao lonxe, polo espello retrovisor da historia, a crise humanitaria que supuxo a COVID-19, agora sabemos que supuxo a fichaxe máis eficiente que puideron realizar as empresas para impulsar a transformación dixital nas súas organizacións. Unha das consecuencias inmediatas (e inevitables) foi a proliferación do teletraballo en todas as tarefas desempeñadas polos «white collar», é dicir, todos aqueles que utilizan un teclado conectado en rede para traballar, moitos dos cales non regresaron ás súas oficinas físicas.

Con esta nova forma de traballar abriuse un escenario laboral inédito que puxo de manifesto ancestrais culturas organizativas que aínda imperan en boa parte das grandes compañías con soleira e, tamén, en determinadas empresas familiares herdadas de pais a fillos ao longo de xeracións.

Algunhas compañías tecnolóxicas que estiveron á vangarda na implantación desta nova forma de traballar «pasáronse de freada» e, aducindo unha baixada da produtividade, comezaron a limitar o tempo de traballo dos seus empregados desde casa.

Onde se atopa o punto de equilibrio desta nova forma de traballar para conseguir cocientes de produtividade desexables, á vez que se aposta pola sedución do talento das novas xeracións?

A miña expectativa, e a miña aposta, é que o teletraballo será unha efémera ponte entre a maneira tradicional de traballar e o que cada vez demanda máis o novo presente das devanditas empresas, unha actitude permanente de traballo e gozo solapado onde non hai horarios definidos para unha nin para outra cousa, polo menos, en sectores e empresas cuxo contido laboral non dependa de horarios ao público ou pertenzan a unha contorna industrial con produtividade continua.

O posto de traballo «morreu». Xa non é un sitio ao que ir ou un horario que cumprir. O posto de traballo agora é unha serie de tarefas para realizar e uns obxectivos que cumprir e dá igual cando e desde onde o fagamos. A iso eu chámolle omnitraballo. Non desconecto do traballo porque tamén, de maneira intermitente, estou conectado co pracer e con esas outras tarefas alleas á empresa que dan sentido á miña vida.

Moitos millennials e algúns mozos da xeración Z, incorporados xa ao mercado laboral, non buscan un posto fixo, senón que pertencen á «tribo» dos gigonomics, eses profesionais expertos en determinadas áreas que traballan por proxectos en diferentes compañías de forma temporal, só mentres sintan que achegan valor con esa especialización, que os apaixona e divirte.

Aceptar e practicar con éxito o omnitraballo supón un cambio de actitude e a incorporación de novos comportamentos. Esa nova mentalidade impacta directamente no compromiso dos profesionais coas súas empresas, disparando o seu goce emocional e conseguindo éxitos que se fan sostibles no tempo.

O reto para calquera líder é enorme. Está ante a oportunidade de converterse no principal driver dunha nova cultura organizativa á que se chegará só se se propoñen cambios valentes acompañados dunha persistente autocrítica.

O líder que o consiga alimentará o compromiso dos profesionais coas súas empresas e impactará na súa motivación e na conta de resultados. Trátase dun escenario moi aberto, sen horarios ríxidos, sen limitacións de espazo. Desde calquera lugar e a calquera hora.

O desafío é ilusionar os traballadores cun proxecto e conectalos cun propósito profesional aliñado co seu propio de vida, e os líderes só o conseguirán se teñen en conta as ambicións e os temores individuais, en definitiva, se son capaces de humanizar as empresas.

Con este fin, a palabra chave é adaptación.

O mundo cambiou, así que remanguémonos e construamos unha nova realidade que se converta na nosa casa.

Algúns managers cos que comparto estas reflexións láianse de que non dispoñen dos recursos de interacción social dos que dispoñían antes da pandemia. O café de pola mañá no office da planta, os luns á primeira hora compartindo aventuras e anécdotas familiares da fin de semana, as interminables reunións ata que cae a noite… etc.

Moitas desas cousas xa se fan de maneira diferente. Que lles pregunten ás xeracións post-millennials se é posible socializar a través da tecnoloxía. O que ocorre é que a maioría das queixas e reflexións que aínda se escoitan proveñen de xeracións pre-millennials.

As pantallas son excelentes transmisores de emocións porque as conducen do cristal á pel. A quen non lle escapou unha bágoa fronte a unha pantalla durante a pandemia?

Neste novo contexto, a cohesión é posible e ata de maior alcance. En contornas de presencialidade, as relacións son endogámicas e cultívanse fundamentalmente entre aqueles cos que se comparte espazo na oficina. Na virtualidade do teletraballo, a socialización non ten límites. Pódese practicar con compañeiros de cidade ou de país, mais tamén con outros que se cadra viven a miles de quilómetros de distancia.

Aquí vai un decálogo de suxestións para os líderes que desexen cohesionar os seus equipos en contornas de non presencialidade:

  1. Adáptate ás circunstancias
  2. Abandona as queixas e posturas defensivas
  3. Establece encontros virtuais diarios de 15 minutos, como máximo, cunha orde do día que permita o dinamismo e a participación de todos
  4. Define unha axenda para ser tratada con carácter semanal, mais dunha maior duración
  5. Propón un grupo de WhatsApp ou de Telegram para temas profesionais e outro para parabéns (e «parvadas variadas») e sé rigoroso velando pola separación de ambos os contidos
  6. Mantén polo menos un one to one mensual (virtual ou presencial, se houbese posibilidade) con cada un dos membros do equipo onde poidas comprobar o estado anímico, medos e ambicións
  7. Alimenta unha cultura onde a xente poida compartir, voluntariamente, parte da súa vida privada co resto
  8. Propón actividades virtuais ou presenciais compartidas (hobbies, deportes…, etc.)
  9. Dá un recoñecemento diario (privado ou público)
  10. Celebra os éxitos

Fácil ou difícil?

Moito éxito coa desafiante (e ilusionante) tarefa de liderar en remoto.

Picture of Jorge Salinas
Jorge Salinas

Master Coach Executivo. Experto
en Liderado Organizacional, Xestión de Equipos, Motivación e Comunicación.