Liderar con éxito as organizacións na sociedade dixital
Compartir
Nos últimos anos estamos a asistir a grandes cambios nas empresas, grandes, medianas e pequenas, públicas e privadas. A transformación dixital converteuse nun auténtico acelerador que deu lugar a múltiples cambios nas compañías, non só a nivel tecnolóxico, senón organizativo. Os equipos son moi distintos a como o eran hai só uns poucos anos: hiperconectados, sen fronteiras, traballando nuns mercados internacionalizados coa globalización como bandeira. Movémonos nunha contorna dixital e de mobilidade.
Isto, pola súa vez, supuxo un salto cualitativo en aspectos como a diversidade e a cohabitación xeracional, con novas e non tan novas xeracións que tiveron que adoptar si ou si a dixitalización. Hoxe en día atopamos catro xeracións moi diferentes entre si que coinciden nas mesmas empresas: boomers, xeración x, millenials e zeta. Cada unha destas xeracións ten as súas propias características, as súas propias necesidades, que en moitos casos se atopan nas antípodas unhas das outras. E nas empresas temos a obrigación de escoitar e entender, a cada persoa. Porque cada unha delas foi, é e será única.
Nesta nova realidade, e cada vez máis, é indispensable manternos conectados e, con iso, manter e mesmo potenciar un sentimento de pertenza que debe ser máis ca un piar para calquera organización. E iso, a pesar das distancias físicas e culturais.
Este novo escenario, cheo de cambios, require tamén un novo liderado, un liderado cheo de intelixencia emocional que comprenda as persoas, que domine as claves para conectar entre profesionais e coa compañía, coa escoita activa como principal activo.
Hai non tanto, falar dun traballo para toda a vida como o gran soño a nivel profesional era o normal; hoxe en día non se busca esa estabilidade. Os novos profesionais cada vez máis buscan cousas diferentes, que antes se cadra eran importantes, mais non indispensables. Hoxe, se o profesional non o atopa, teno moi fácil: busca noutro lugar, igual noutro país ou noutro continente. Nunca fora tan fácil cambiar de compañía.
O traballo fixo deu paso ao traballo que enche, que enche tamén a nivel persoal; ao traballo que faga feliz, que permita a conciliación, que se identifique con valores como a sustentabilidade. As novas xeracións queren un traballo nunha empresa da que sintan orgullosos, cuns principios que poidan facer seus e que, en definitiva, os axuden a sentirse máis realizados. O soldo deixou de ser o máis importante.
Non é un cambio menor. Atopámonos nun momento de transición cara a un novo modelo que, máis ca nunca, terá a persoa no centro de todo. Non deixemos de mirar cara a adiante e tentar adiantarnos ao que nos depara o futuro. Son moitos os cambios que esta década nos está a traer, e máis os que, seguramente, teremos nos próximos anos. Apostemos por líderes capaces de adiantarse a ese futuro feito presente; que lideren desde e para as persoas; apostemos por liderar con éxito as organizacións na sociedade dixital.

Ángela Souto González
Talent Acquisition Manager en Altia