Lorenzana destaca o investimento da Xunta en formación na comarca de Ferrolterra nos últimos 14 anos con 47,3 M€ que permitiu cualificar 16.187 persoas
Lorenzana destaca o investimento da Xunta en formación na comarca de Ferrolterra nos últimos 14 anos con 47,3 M€ que permitiu cualificar 16.187 persoas
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor o compromiso do Goberno galego con Ferrolterra na clausura da xornada Pacto pola formación, Pacto polo emprego. Pacto por Ferrol
As microformacións que se están a impartir a través dos convenios de colaboración cos principais clústeres galegos para adaptar a formación ás necesidades laborais das empresas están a cualificar este ano 430 persoas nesta comarca
A iniciativa forma parte da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, un pacto pola capacitación da forza laboral galega baseado na colaboración público-privada co tecido produtivo
Lorenzana sinalou a modernización integral do Servizo de Emprego de Galicia que está a acometer o Goberno galego, renovando as infraestruturas físicas e as ferramentas tecnolóxicas e reforzando o persoal cun servizo propio e permanente de orientación laboral con oito novos profesionais nas oficinas de Ferrol
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor hoxe o compromiso do Goberno galego con Ferrolterra na clausura da xornada Pacto pola formación, Pacto polo Emprego. Pacto por Ferrol. A titular do departamento autonómico sinalou que esta aposta por esta comarca tradúcese, entre outros, na formación que está a financiar a Xunta para adaptar a oferta á demanda laboral.
Neste senso, apuntou que nos últimos 14 anos, o Goberno galego investiu máis de 47,3 millóns de euros para cualificar 16.187 persoas en Ferrolterra a través de 1.114 accións formativas; e indicou que as microformacións que se están a impartir a través dos convenios de colaboración cos clústeres galegos para adaptar a formación ás necesidades do tecido empresarial están a permitir na comarca o desenvolvemento este ano de 15 cursos, con impacto en máis de 430 persoas a través dun investimento de máis de 190.000 euros. Son 15 accións formativas deseñadas neste caso por Asime e a Fundación Laboral da Construción.
Esta colaboración cos clústeres e entidades máis representativas da economía galega é froito da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, “outro gran pacto”, en palabras de Lorenzana, pola capacitación da forza laboral galega baseado na cooperación público-privada co tecido produtivo.
Esta Axenda está a procurar, segundo explicou a conselleira, a xeración dunha contorna de aprendizaxe permanente na que se actualizan periodicamente as competencias profesionais das persoas traballadoras para dar resposta ás novas necesidades do mercado de traballo, mellorando, deste xeito, a competitividade das empresas.
Modernizar o Servizo de Emprego
A conselleira de Promoción do Emprego, ademais, destacou na súa intervención a modernización integral do Servizo de Emprego de Galicia que está a acometer a Xunta. Dun lado, explicou que se está a levar a cabo unha renovación das infraestruturas físicas como das ferramentas tecnolóxicas cun investimento para 2023 de 3,8 millóns de euros. Este ano -especificou- comezaranse a ver os primeiros avances do novo software informático, que aplica big data e intelixencia artificial para casar oferta con demanda de traballo.
Lorenzana indicou, doutra parte, que a Administración autonómica está a reforzar o persoal das oficinas de emprego coa implantación dun plan formativo que actualice as novas tendencias e funcionamento dos apoios tecnolóxicos; e coa creación dun servizo propio e permanente de orientación laboral e prospección laboral composto por 136 novos orientadores dos que oito xa prestan servizo nas oficinas de Ferrol.
Por último, a titular de Promoción do Emprego referiuse aos acordos de colaboración que se están a asinar con diferentes entidades e organizacións empresariais para que se adhiran ao sistema de difusión de ofertas de emprego do Servizo de Emprego de Galicia.
“É preciso unir forzas nunha acción colectiva na que Administración, tecido empresarial e poboación activa camiñen da man a favor dunha contorna de aprendizaxe permanente que contribúa fortalecer o mercado laboral”, concluíu.