Que é o proceso de OnBoarding? Axuda ao teu equipo para adaptarse de xeito positivo

Compartir

Para aqueles máis familiarizados cos conceptos e tendencias no ámbito dos Recursos Humanos, o proceso de OnBoarding ou acollida non é nada novo mais, con todo, os números seguen dicindo que o proceso queda en moitos casos en «moita palla e pouco gran». É habitual que poidamos ver a moitos profesionais compartir os seus «welcome packages» con todo o merchandising da súa nova empresa ou un anuncio por parte desta dándolles a benvida publicamente, mais, é iso o OnBoarding? En que fallan as empresas? Desde Televés Corporación compartimos a nosa visión.

Nós entendemos que este proceso, en realidade, é tan simple como acompañar ao novo profesional durante a súa incorporación á empresa, dotándoo da información e ferramentas necesarias para que a incerteza non sexa protagonista no seu novo inicio. E para iso, este proceso comeza moito antes de cruzar a porta da oficina, comeza no proceso de selección. A transparencia e transmisión de valores corporativos son esenciais para que os candidatos e candidatas entendan ben o contexto do posto, como é o seu equipo, de que xeito traballan e cales son os retos aos que se enfronta a organización. De nada nos vai valer contratar un gran profesional se, ao cabo de pouco tempo, ve que a súa posición ou contorna non son como lle dixeran e as súas expectativas non son alcanzadas. Canto máis saiban antes de comezar, máis posibilidades teremos dunha boa adaptación.

Cando o noso candidato ou candidata, dispoñendo de toda a información necesaria, acepta a oferta que lle presentamos, comeza a segunda fase da nosa acollida; a súa primeira semana. Calquera que cambiara de traballo sabe que durante este período é cando un se sente máis vulnerable e perdido (e cando máis pensa no seu posto anterior!), polo tanto, debemos asegurarnos de que ten o soporte necesario por parte do seu equipo e RR. HH. e un plan de formación inicial co que orientarse neste novo mundo para sentirse parte del. Se queremos que os nosos profesionais teñan un sentimento de pertenza, o primeiro que precisamos é que coñezan e entendan a propia organización e as súas motivacións. E, para todo iso, debemos completar o noso checklist de OnBoarding para o seu primeiro día:

  1. Informar previamente a organización da nova incorporación.
  2. Benvida por parte de RR. HH. ou o seu responsable o primeiro día.
  3. Sinatura do contrato laboral e formación de PRL.
  4. Posto de traballo listo con todos os equipos necesarios.
  5. Plan de Formación inicial Global e Específico pechado con todas as persoas implicadas e datas.

Cando completemos todo o anterior, o noso novo empregado ou empregada terá unha base máis sólida sobre a que ir construíndo, coa seguridade de poder contar co equipo de RR. HH. para todo aquilo que precise adicionalmente. A aterraxe puido ser óptima, mais agora teremos que asegurarnos de facer o seguimento necesario, durante os primeiros meses, para liquidar aquilo que sexa preciso e comprobar que se cumpriu o obxectivo do plan de OnBoarding previamente establecido; que atope en Televés Corporación todo o necesario para seguir desenvolvéndose.

Picture of Paloma Bescansa
Paloma Bescansa

Responsable de Selección de Televés Corporación
Profesional especializada en recruitment e empregabilidade en sectores tecnolóxicos e de enxeñaría.