Rutinas de benestar ON!
Compartir

O benestar é un concepto que cada día se asocia de forma máis estreita ao mundo laboral. A sociedade actual é máis consciente da cantidade de horas que pasamos no noso posto de traballo e a saúde mental está a converterse nunha preocupación social, pero tamén empresarial, xa que cada día son máis as baixas asociadas a esta motivación. Atender esta cuestión xa non é unha opción, senón unha obriga para a mellora dos resultados empresariais.

Introducir rutinas de benestar é un obxectivo que se está a estender nas organizacións, pero non sempre sabemos por onde empezar e cal é o plan de acción mellor e máis adecuado para o noso tipo de negocio e equipo de traballo. Ofrecer exemplos e recursos, é un primeiro paso que pode acompañar a empresas e empresarios/as.

O benestar organizacional é un concepto relativamente novo que ademais de compromiso por parte do sistema organizacional, tamén require de orientación e acompañamento para impulsar estes procesos que tan bos resultados teñen, cando se introducen de forma organizada e orientada.

A globalización da economía, os cambios na tecnoloxía e comunicación, a crise económica, os cambios das esixencias e características da clientela, e as necesidades e aspiracións dos equipos de traballo, entre outros factores, esixen poñer unha maior énfase nos sistemas organizativos das empresas.